Pola profundidade do epicentro non tería causado grandes danos, malia a súa intensidade. Prodúcese ao tempo que seguen as réplicas no tremor de Chile, que destruíu catro mil fogares.
Non hai datos claros aínda sobre os danos producidos polo sismo que se sentiu en Ecuador e Perú nas últimas horas, aínda que as primeiras informacións falan dun frouxo impacto. Desde o Instituto Geofísico de Ecuador consideran que non está directamente relacionado co acontecido en Chile esta mesma semana.
Xa que logo, na veciña Chile, un voceiro do goberno explicaba este xoves que cando menos catro mil fogares foron gravemente afectados, polo que 15 mil persoas precisarían de axuda urxente. Durante a visita da presidenta, Michelle Bachelet, á zona onde zoupou con máis forza o sismo, producíronse até tres réplicas de intensidades de 6,8, de 6,2 e até 5,8 graos na escala Richter respectivamente, por baixo do 7,7 que alcanzara o terremoto maior.