A potente explosión, que só causou estragos materiais, tivo lugar poucas horas antes da visita do subdelegado do goberno estatal.
Arredor das 2.30 da madrugada deste xoves unha forte explosión puido escoitarse no barrio Forte, na vila de Cangas do Morrazo. A bomba tiña como obxectivo o local da Inmobiliaria Morrazo e só causou importantes danos materiais.
Até a zona desprazáronse numerosos efectivos policiais que acordonaron a zona. As primeiras hipóteses apuntan a que o explosivo estaba composto por catro quilos de cloratita. As forzas policiais barallan a posibilidade de que poida ser obra de Resistencia Galega, mais polo de agora ninguén reivindicou a autoría.
Hai que sinalar que esta mesma mañá o subdelegado do goberno estatal, Delfín Fernández, tiña previsto desprazarse á vila para asistir a unha reunión da Xunta Local de Seguridade.