A Radio Galega e Vieiros recibiron este xoves un comunicado onde se reivindica a colocación do artefacto que estoupou o pasado 25 de setembro nas inmediacións da planta de gas.
Chegado polo correo ordinario na mañá desta quinta feira á redacción da Radio Galega, o comunicado, con mataselos compostelán, reivindica a autoría da colocación do artefacto explosivo que estourou no interior dun colector de recollida de vidro situado na parroquia de Meá, no municipio de Mugardos, ás 3h10 do pasado 25 de setembro. A última hora da mañá, un correo similar era recibido na redacción de Vieiros. A pé desta información achegámoslles nun arquivo .pdf o texto completo, do que se suprimiron os nomes das persoas directamente ameazadas.
O texto cualifica o acontecido como "primeiro aviso" e subliña que a acción "encádrase nas mobilizacións populares de protesta contra a ubicación actual da planta regasificadora no interior da ría de Ferrol". Sinalan ademais que "os próximos ataques serán directos e traerán graves consecuencias para a propia planta, para a regasificadora e para os seus xestores e responsábeis directos". De seguido, os responsábeis da colocación do explosivo, que non asinan en nome de ningún colectivo, advirten de que Reganosa "será atacado en todos os seus intereses", estendendo a ameaza ás súas instalacións, grupos económicos e entidades que a compoñen e "persoas máis representativas e máis directamente implicadas". Expoñen a continuación diversos argumentos en contra da planta de gas e pechan o comunicado subliñando as frases "A terra é nosa e non de Reganosa" e "Ningunha agresión sen resposta".
A Garda Civil considera que o mesmo grupo responsábel deste ataque foi o que colocou o artefacto explosivo desactivado no polígono industrial do Ceao, en Lugo, o pasado mes de maio. Daquela, o comunicado a través do cal se avisara da súa colocación asinaba coa expresión "Ningunha agresión sen resposta fronte á destrución do noso país. Resistencia xeneralizada".