Entre a desmemoria e a distorsión dos que daquela gobernaban e a confianza con matices dos que agora gobernan. Do plan que nunca existiu, aos requirimentos que aínda están pendentes. Lento avance fronte aos Prestige que veñen.
"Que aprendemos da catástrofe do Prestige?". Con esa cuestión se celebrou este luns o seminario organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, financiado pola Fundación Arao. Aló, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, foi máis pragmático e amosou menor euforia da manifestada polo presidente da Xunta, quen afirmara a imposibilidade de sufrirmos outro Prestige.
Así, Méndez Romeu apostou por salientar que aínda no estremo de que unha catástrofe deste tipo é posíbel nas costas do país, Galiza conta con medios "para orientar mellor as decisións operativas". En resumo, fronte á improvisación, descoordinación e inoperancia de hai cinco anos, agora cando menos contamos cun plan de actuación.
Por unha beira, o conselleiro referiuse ao Plan Estatal de Salvamento Marítimo, ferramenta que na súa opinión "dispón de recursos orzamentarios moi importantes" e por outra destacou o deseño den Galiza dun "Plan de Continxencias Marítimas" que regulamenta as responsabilidades de actuación en cada situación de risco. Referiuse tamén á multiplicación de medios, tanto marítimos como aéreos, e a dispoñibilidade de equipos modernos "con máis capacidade de intervención, de arrastre e despregamento de medios de protección fronte a calquera incidente que se poida producir".
Desde un punto de vista científico, a Xunta considera ademais que o coñecemento sobre os efectos da contaminación por hidrocarburos prácticas e metodoloxías de recuperación medioambiental, "a análise e a aplicación de medios de prevención e mesmo a análise matemática dos efectos dunha posible marea con produtos contaminantes é moito maior que entón". "Por primeira vez estamos en condicións de poder intentar facer o que hai cinco anos tivemos que facer dependendo dos medios de investigación doutros países", subliñou Méndez Romeu.