Mentres, a Consellaría de Pesca asegura que se dispón de “maiores e mellores” medios ca en 2002.
O deputado nacionalista Bieito Lobeira sinalou que os medios dos que dispón Galiza seguen a ser insuficientes para enfrontarse a outra catástrofe semellante á do Prestige. O parlamentario do BNG sostén que existen “deficiencias, carencias e problemas estruturais” de medios para o salvamento e a loita contra a contaminación.
Pola contra, o director xeral de Recursos da Consellaría de Pesca, Antonio García Elorriagam asegurou que Galiza é a comunidade que conta con “maiores e mellores” medios, aínda que matizou que a Xunta “non se conforma cos que ten”.
Aínda que Lobeira recoñeceu que había máis medios, xa que antes non había ningún, insistiu que seguían a ser deficientes. Como exemplo sinalou que Bélxica, que conta con moitos menos quilómetros de costa, conta con cinco embarcacións especializadas na loita contra a contaminación, mentres que en Galiza non existe ningunha.