Dous de cada dez fogares ainda deberán esperar un ano máis pola alta velocidade, malia que se o plan se cumpre, en 2008 a cobertura será por fin plena.
Na segunda feira Blanco falou da evolución da implantación da banda larga en Galiza, en base aos obxectivos contemplados pola súa consellaría, postos en marcha polas operadoras R e Telefónica, no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
Hoxe en día, o 82% dos galegos teñen a posibilidade de se conectar a internet empregando a banda larga, segundo dixo Fernando Blanco, quen explicou que os núcleos de poboación galegos con acceso a banda larga superan os 23 mil (o que significa o 73% das vilas, aldeas e cidades do país).
O titular nacionalista lembrou que en 2005 só o 4% do total dos núcleos existentes en Galiza (1.148 de 30 mil) contaba con este servizo. Hoxe o 100% dos concellos galegos xa dispoñen dalgún punto de conexión mediante banda larga no seu territorio, e son 78 os núcleos que dispoñen de dupla conectividade, é dicir, neles pódense escoller entre dúas operadoras (en 2005 só tiñan dupla conectividade as sete cidades galegas).
Chegando ao 100% da cobertura en 2008
O obxectivo da Consellaría de Innovación e Industria pasa por conseguir que como mínimo o 90% da poboación galega conte con acceso aos servizos de banda larga en 2010. A este respecto, Fernando Blanco adiantou que a previsión máis optimista para ese ano sitúanos xa en practicamente a totalidade da poboación, o 98%.
Por outra banda, todos os núcleos de máis de 500 vivendas contarán con dupla conectividade en 2009, segundo dixo Blanco.
A banda larga nas zonas rurais
Fernando Blanco tamén fixo repaso dos obxectivos previstos no inicio do Programa Estatal de Estensión da Banda Larga en Zonas Rurais e Illadas, que contemplaban intervir mediante tres vías diferentes (ADSL sobre cobre, WIMAX e satélite) en 27.090 núcleos da práctica totalidade dos 315 concellos galegos. A poboación obxectivo que se beneficiaría do acceso a banda larga mediante este programa sería de 1.215.000 habitantes destes núcleos.
Segundo Blanco, xa se interveu no 100% dos concellos, cubríndose o 97% da poboación e o 81% dos núcleos contemplados no programa. Porén, o vindeiro ano 2008 o Plan PEBA terá continuidade nunha segunda fase que sumará 1.760 novos núcleos rurais, nos que se intervirá, dixo o conselleiro, para que dispoñan de banda larga durante o ano que vén. Co desenvolvemento do PEBA II xa terá cobertura o 100% dos núcleos do territorio galego.