Petroleiros, gaseiros, cementeiros, cargados con material radiactivo ou con diversas sustancias perigosas...
Cando van cumprirse cinco anos do afundimento do Prestige, a estatística di que en 2006 foron até un total de 3.534 petroleiros os que navegaron á beira da costa galega. A Dirección Xeral de Mariña Mercante indica ademais que o corredor de Fisterra foi vía de paso para tres mil quimiqueiros, 1.623 barcos gaseiros e 294 cementeiros.
En resposta á solicitude de información de Bieito Lobeira, deputado do BNG, tamén se documenta nese período o paso de 106 barcos que transportaban material radiactivo. En declaracións a Europa Press, Bieito Lobeira chamou a atención sobre o feito de que "nos dous ou tres últimos anos" se advertiu un "empeoramento na condición dos barcos" que chegan aos portos galegos, tras estudar o caso concreto da Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
Mariña Mercante detectou en 2006 un total de 160 vertidos contaminantes na costa galega. A maioría foron atribuídos ao lavado de sentinas dos buques, os popularmente coñecidos como "sentinazos".