Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Até 300 explotacións sen licenza

O Valedor pide sancións para as irregularidades na actividade mineira

A institución abriu unha queixa de oficio, subliñando o alto número de minas ilegais, e solicitoulle informes polo miúdo ás consellarías de Medio Ambiente, Industria e Política Territorial.

Redacción - 14:16 06/11/2007

O Valedor do Pobo informou esta terza feira do requirimento enviado ás respectivas consellarías para que no prazo de quince días lle envíen datos en detalle sobre a situación do mapa de explotacións mineiras no país. A institución quere saber o proceso seguido coas explotacións mineiras que pediran acollérense ás posibilidades de legalización previstas e saber sobre as peticións resoltas e as pendentes. De xeito concreto, a oficina do Valedor do Pobo interésase polo plan da administración fronte a aquelas que nin sequera solicitaron esa legalización e sobre as minas ás que se lles negou ese permiso para manter a actividade.

Malia a longa tradición de denuncias desde diversos colectivos, o Valedor asegura ter tomado a decisión ao fío da información publicada o pasado 29 de outubro polo diario El País, onde se subliñaba que as empresas mineiras explotan en Galiza até 300 canteiras sen licenza. A propia petición realizada polo Valedor esta semana recoñece que hai xa dez anos que a institución se ocupou deste asunto. Foi no informe anual de 1996, onde se incluía o apartado "As explotacións mineiras a ceo aberto como causa de grave deterioro do medio ambiente", documento que advertía dos "efectos máis perniciosos do funcionamento das grandes e pequenas minas a ceo aberto", deixando constancia das deficiencias e "irregularidades" atopadas no sector.

Ao respecto desta nova queixa, o Valedor achega tamén algunhas recomendacións, entre elas que se atenda aos plans de restauración dos espazos naturais afectados polas actividades extractivas "nas explotacións que non conten con elas" e chama á Xunta a que no caso de incumprimento desa recomendación, "se inicie o correspondente expediente sancionador contra o titular da explotación que se negue ao cumprimento das esixencias de planificación da restauración".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: