A dereita controlara o país desde a saída da ditadura militar en 1986. Este domingo, o socialdemócrata Álvaro Colom conseguiu o triunfo nas eleccións presidenciais.
Con máis de trinta anos baixo a bota dos militares, entre 1954 e 1986, e outros vinte anos de sucesivos gobernos da dereita, Guatemala asinou esta fin de semana un significativo punto de inflexión na traxectoria política do país.
Álvaro Colom, líder do partido Unidad Nacional de la Esperanza, UNE, venceu nos comicios fronte ao xeneral retirado Otto Pérez Molina, que se presentaba polo Partido Patriota. Con máis do 95% do reconto realizado, Colom estaba xa no 52,7% dos votos, frone ao 47,3% de Molina. "Estamos satisfeitos e agradecidos a Deus e ao pobo de Guatemala", afirmou Álvaro Colom nas súas primeiras declaracións públicas despois de saberse vencedor dos comicios.
Á falta de coñecérense os datos concretos de participación, as primeiras estimacións sinalaban que apenas acudiron a votar o 35% dos case 6 millóns de electores.
Nos diarios de Guatemala: Prensa Libre e La Hora.