Activistas da principal formación islamista da oposición son o obxectivo principal da vaga de detencións lanzada polo presidente Pervez Musharraf.
Durante as primeiras horas despois da declaración do "estado de excepción" informouse en Paquistán da detención de arredor de medio milleiro de opositores. A cifra teríase dobrado nas horas posteriores, despois de que o presidente paquistaní argumentase que o país pasa por unha situación de "gravidade" polo incremento da "violencia extremista".
O primeiro ministro, Shaukat Aziz, afirmou para os medios que as eleccións lexislativas previstas para o próximo mes de xaneiro poderían adiarse até un ano e que o estado de emerxencia vaise prolongar "o tempo que faga falta".
Entre os detidos confirmouse que están o líder da Liga Musulmá en Paquistán, Iaved Hashmi, o responsábel da comisión independente dos Dereitos Humanos, Asma Jehagir, e varios integrantes de altos tribunais. O xornal local Dawn titulaba este domingo en portada "O segundo golpe de Musharraf", considerando que o xiro imposto polo xeneral aparca as esperanzas dunha transición democrática que agromaban nas últimas semanas despois da volta da ex primeira ministra Benazir Bhutto e a inminencia das eleccións lexislativas agora aprazadas.
Poden ampliar en Associated Press of Pakistan e The Nation.