O equipo iniciou o seu programa de preparación invernal cunha sesión de ximnasio e un percorrido en bicicleta de 45 quilómetros. No adestramento xa estaban as novas incorporacións deste ano.
Nesta primeira sesión estivo todo o cadro de corredores galegos -coa única excepción de Gustavo César Veloso -, así como as novas incorporacións, incluída a última delas, o cántabro Alberto Fernández.
Ezequiel Mosquera non participou no adestramento de estrada, mais o seu lugar foi ocupado por Álvaro Pino, que rodou co grupo.
Adestramento en grupo
Baixo a mirada dos directores deportivos, (Álvaro Pino, Jesús Blanco Villar e José Ángel Vidal), o preparador físico do KGZ, Guillermo Rodríguez Carballido, dirixiu a sesión de ximnasio. Os ciclistas distribuíronse por parellas para realizar un percorrido polos distintos aparellos, intercalado con series de recuperación.
Os ciclistas atoparon positivo este traballo en grupo, habitual noutros deportes pero excepcional no mundo do ciclismo, porque "axuda a facer grupo", segundo coincidiron en sinalar todos eles. Outra vantaxe que atoparon é que o adestramento "faise menos monótono".
"Deste xeito é mellor, porque o adestrador corríxeche e oriéntate ao momento sobre o mellor maneira de facer os exercicios, e iso pódeche ata evitar lesións", comenta Gustavo Domínguez.
Doce semanas de traballo invernal: así adestran os ciclistas profesionais galegos
"Comezamos esta primeira xornada cunha proba para saber que porcentaxe de traballo debemos asignarlle a cada corredor", dixo Rodríguez Carballido, e continuou, "Esta fase de preparación invernal está planificada sobre doce semanas, nas que os ciclistas farán ximnasio, para traballar a forza; piscina, para optimizar os mecanismos respiratorios; e bicicleta. Trátase dun traballo común para todos os corredores".
O programa de adestramento irá gradualmente oscilando dun traballo xenérico a outro específico, con moita máis presenza da bicicleta.
Esta fase da preparación invernal, proporciónalles aos corredores unha base física fundamental para a tempada ciclista, que podería comezar, segundo parece, co Tour de Qatar.