Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na procura de privilexios para os seus investimentos

Máis presión de Villar Mir malia que só un 5% da mina será afectado

O grupo empresarial insiste na ameaza de renunciar ao proxecto solar previsto.

Redacción - 13:00 30/10/2007

Un estudo da Universidade de Oviedo sinala que só un 5% da mina de Serrabal será afectado polas obras, polo que non perigarían apenas os seus intereses empresariais.

"Se a mina se fose a ver tan afectada como el sostén non estaría polo outro lado pedindo a ampliación da concesión para varias décadas", ironizaba o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, en entrevista diante das cámaras da CNN+ a pasada semana, subliñando tamén o estudo ao respecto que reduce a unha pequena parte o impacto na mina. Pérez Touriño referiuse durante a súa intervención ás insinuacións que desde Fomento se deixaran caer eses días sobre os problemas coas obras da chegada do AVE a Barcelona, obras realizadas polo Grupo Villar Mir a través da súa construtora OHL é á que agora ameaza Fomento con quitarlle a concesión. Desde o goberno español consideraban que por tras dos atrancos e avarías podería estar unha posíbel sabotaxe, presunta estratexia en favor dos seus intereses en Galiza arredor da mina de Serrabal.

O Grupo Millar Vir mantén un longo conflito en Galiza onde sostén que o trazado da liña de alta velocidade até Santiago, e a conseguinte expropiación no contorno da mina de Serrabal, vaille supoñer perdas de até o 60% do seixo extraíbel. Máis en concreto quéixase a través da empresa Ferroatlántica de que non poderá aproveitar o 80% da tipoloxía de cuarzo máis axeitada para a fabricación de paneis solares. O grupo de Villar Mir proxecta poñer en marcha outro ambicioso proxecto, baixo a marca Ferrosolar, no sector das enerxías renovábeis. O xornal económico Cinco Días informa esta semana de que o grupo faría investimentos por valor de até 2.376 millóns de euros e crearía até 19.440 empregos, volume de negocio do que sseguran que se beneficiaría "preferentemente Galiza".

Desde os sindicatos dubidan do informe ao que se refiren as administracións, cualificado pola CIG de "raquítico estudo xeolóxico", ao tempo que critican que non lle fose proporcionado aos representantes dos traballadores. Temen que estean en perigo ducias de postos de traballo e salientan o informe da propia empresa segundo o cal "boa parte do seixo quedará soterrado se non se varía o trazado" da alta velocidade. Salientan que se trata dun seixo "de tal pureza" que a súa transformación "daría como froito un silicio válido para a fabricación de paneis solares fotovoltaicos". Isto, e segundo os informes de Ferroatlántica citados pola CIG, a curto prazo implicaría "un investimento inicial de 170 millóns de euros e a creación inmediata de 100 postos de traballo na fábrica de Sabón, para poder producir 6.000 toneladas/ano".


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: