Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Plan de Fomento

A corresponsabilidade como medio para acadar o equilibrio laboral

A Consellaría de Igualdade inaugurou este luns en Vigo as primeiras Xornadas de Sensibilización para impulsar a conciliación da vida persoal e profesional das persoas traballadoras.

Redacción - 19:50 29/10/2007

As xornadas forman parte do Plan de Fomento da Corresponsabilidade que a Xunta levará a cabo durante este ano e o vindeiro 2008. O programa consta de diversas actuacións orientadas á sensibilización, formación e titorización das pequenas e medianas empresas galegas en todo o que respecta á corresponsabilidade. Con isto preténdese lograr unha mellor harmonización da vida persoal e laboral da xente traballadora e un mellor posicionamento das empresas no mercado.

Vigo foi o lugar elixido para a inauguración destas xornadas, que correu a cargo da secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, e do delegado provincial, Francisco Xabier Verea. Este mesmo programa desenvolverase noutras localidades galegas, sendo a seguinte parada A Coruña, o 8 de novembro, para continuar despois en Lugo, o 13 e rematar en Ourense e Pontevedra os días 20 e 27 do mesmo mes.

Outras medidas
O Plan de Corresponsabilidades inclúe tamén outras actuacións entre as que se atopan os cursos de formación específica con módulos formativos que aporten coñecementos para implantar os modelos de conciliación nas empresas galegas, ou as titorías de corresponsablidade, que teñen como finalidade apoiar ás pemes na aplicación deste tipo de políticas de xeito individualizado.

Os empresarios e xestores das empresas contan tamén cunha serie de ferramentas de axuda, asesoramento e soporte, que sería o portal de corresponsabilidade, a edición dunha guía de boas prácticas e a posta en funcionamento do termómetro da corresponsabilidade, medida coa que calquera empresa poderá facer unha autodiagnose do nivel de corresponsabilidade que posúe.

Os obxectivos deste Plan de Fomento son a de proporcionar a resposta necesaria ás demandas da cidadanía en canto a corresponsabilidade se refire, e que abranguería catro escenarios básicos: persoas, fogar, empresa e sociedade. Se tratará tamén de desenvolver unha política de igualdade que impulse medidas efectivas en canto ao cambio de roles sociais, a conciliación de tempos persoais e sociais, a extensión dos servizos sociocomunitarios, o establecemento de recursos complementarios de harmonización e o a conciliación como depósito de emprego.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: