O 28 de outubro de 1962 finalizaba un conflito entre os Estados Unidos de América e a Unión Soviética que puxo a humanidade ao borde dunha guerra nuclear.
Ese día, o líder soviético, o secretario xeral do Partido Comunista, Nikita Khrushchev, accedía a desmantelar todos os mísiles instalados en Cuba e levalos de volta para a URSS. Como contrapartida, o presidente de EUA, John Fitzgerald Kennedy, comprometíase a non invadir Cuba e a rematar co bloqueo naval imposto á illa.Finalizaba así unha crise iniciada dúas semanas antes, o 14 de outubro, cando un avión espía, o U-2, topou abondos mísiles nucleares con base en Cuba, suscpetíbeis de acadar os EUA. Unha semana despois, Kennedy enviou un comunicado á nación a través da televisión, denunciando as "accións soviéticas". Procedeu ao bloqueo naval de Cuba e ameazou á URSS con atacala se calquera mísil cubano era lanzado contra os EUA. Dende entón, o mundo estivo en vilo, preguntándose cal dos dous superpoderes sería o primeiro en botarse atrás, desexando desesperadamente que non significase o comezo dunha III Guerra Mundial. O 24. atopándose cunha enorme frota estadounidense que incluía oito portaavións e que arrodeaba 800 quilómetros da punta Leste da illa, as naves soviéticas deron volta.
Alivio, pero tamén rabia
A secretaría británica de exteriores recibira moi ben a decisión de Kruschev de desmantelar o armamento en Cuba e gabou as aptitudes diplomáticas de Kennedy. Mais China expresara rabia pola cesión da URSS, e dixo que apoiaría a Cuba contra vento e marea.
Pero o presidente de Cuba, Fidel Castro, criticou o feito de non ser consultado no acordo, e ordenou que lles fose devolta a base de Guantánamo, usada polo exército dos EUA, a fin do bloqueo económico, e que cesasen as violacións do espazo aéreo e naval.
Mais, 45 anos despois, o bloqueo non só non rematou, senón que aumentou coa administración Bush. Cuba enviou un documento á Secretaría Xeral da ONU, para o debate sobre o punto "Necesidad de pórlle fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos EUA contra Cuba", que se verificará o día 30. Na última votación, o bloqueo foi rexeitado por 182 países e apoiado só polos EUA, Israel, as illas Marshall e Palau.