Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
NACE A PROPOSTA DO PRESIDENTE VENEZUELANO

Asinarán acordo do Banco do Sur o 5 de decembro

O 5 de decembro asinarase o acordo que dará inicio ao chamado Banco do Sur, proposta impulsada polo presidente Hugo Chávez, anunciou o ministro de Relacións exteriores venezuelano Nicolás Maduro na IV Reunión Extraordinaria do Consello do Mercado Común do Sur (Mercosur), en Uruguai.

Xurxo Martínez Crespo - 12:13 26/10/2007

O ministro venezuelano sinalou que América do Sur debe seguir impulsando os mecanismos de integración que xa existen e os que están nacendo, como o Banco do Sur. Indicou que Suramérica debe apostar polos seus propios proxectos para garantir a súa seguridade financeira, alimentaria e enerxética. O Banco do Sur nace dunha decisión histórica e soberana proposta polo Presidente Chávez.

O Banco do Sur ten o obxectivo de ser autónomo das políticas económicas neoliberais. É un paso previo á proposta de creación da moeda común do Sur, apuntando ao uso dos capitais a prol dos pobos. Nesta proposta tamén participa o Goberno de Arxentina. Así o apuntou a Axencia Bolivariana de Noticias.

Suramérica necesita un novo modelo de integración


O ministro Nicolás Maduro destacou a importancia no fortalecemento dos mecanismos de integración que existen actualmente e recalcou que "a adesión de Venezuela ao Mercosur contribuirá a romper a dependencia financeira".

O ingreso de Venezuela ao Mercosur está ratificado por Arxentina e Uruguai, dous dos catro países que conforman o bloque de integración rexional. O Protocolo de Adhesión foi asinado o 17 de xuño de 2006 por todos os membros, pero Venezuela aínda non é membro de pleno dereito e está á espera de que os senados brasileiro e paraguaio aproben a solicitude.


0/5 (0 votos)