O combinado catalán participará na competición a finais deste mes no Brasil. O debate do recoñecemento internacional das seleccións nacionais volve á grella das noticias do día.
Cada vez que unha selección catalá tenta programar un partido internacional, chegan os problemas. Mais a selección de hóquei é das que máis teñen traballado no recoñecemento da oficialidade das seleccións nacionais catalás. Agora volve saír do país para disputar varios encontros no Brasil, dentro da Copa América.
Como coinciden as datas coas do campionato de liga, os clubes fixeron un esforzo por lle cederen á selección polo menos un xogador (excepto o Barça que lle ofrece dous xogadores á selección, Miquel Masoliver e Octavi Tarrés).
Na segunda feira que vén xogará contra unha das favoritas: Arxentina. Se as cousas lle van ben, tamén pode xogar contra a selección anfitrioa, Brasil, Chile, Estados Unidos, Colombia e Sudáfrica.
Deste xeito, o combinado que dirixe Jordi Camps vese, máis unha vez, recoñecida a nivel internacional, desta volta, pola Confederación Sudamericana de Patinaxe.
"O feito de poder competir xa é un éxito para nós"
Dixo o seleccionador catalán Jordi Camps, ao tempo que engadía "queremos demostrar do que somos capaces e sabemos que levamos a todo un país detrás".