As mulleres e mailos homes do combinado galego gañaron os campionatos estatais por autonomías esta fin de semana en Vinaroz (Castellón).
O equipo formado por Jesús Gomar García, Alfredo Freire Sixto e Óscar Vicente Rodríguez nos homes, gañoulle aos combinados de Baleares e Andalucía; e o combinado feminino, con Estefanía Sande Varela, Laura García Alonso e Tamara Fernández Varela, impúxose ás atletas de Cataluña e Andalucía.
A Selección Galega júnior xa partía como gran favorita para a vitoria, e conseguiuna ao fin, após o segundo posto do ano pasado. Os galegos e galegas destacaron polo seu gran traballo de equipo, mais tamén individual: os homes terminaron a competición entre os dez primeiros na clasificación. Jesús Gomar conseguiu o segundo mellor tempo, Alfredo Freire o sexto e Óscar Vicente terminou na sétima posición. A proba gañouna Miguel Ángel Fidalgo, do equipo balear. Nas mulleres, Estefanía Sande terminou cuarta na xeral individual, por detrás da campioa, a catalá Dolça Ollé.
A proba absoluta tivo que ser aprazada debido a unha forte treboada. Esta competición hase celebrar nas vindeiras semanas.
Bronce da galega Aída Valiño
A selección estatal feminina, formada pola triatleta galega Aída Valiño, Ana López e Lara del Valle conseguiu a terceira praza no Campionato de Europa sub-23 de triatlón, celebrado na localidade finesa de Kuopio. Valiño ficou no sexto posto da proba individual.
David Castro clasificado para a Copa do Mundo
Ao terminar nos posto 51 esta fin de semana na proba Kitzbühel, da Copa do Mundo de triatlón, David Castro foi o triatleta mellor clasificado do equipo estatal.