Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobados no Congreso por nove votos

Outros 104 millóns para Galiza: O BNG xustifica o seu apoio aos PXE

A Cámara rexeita as seis emendas á totalidade presentadas por 177 votos a favor e 168 en contra. O goberno español contou co apoio de PSOE, BNG, PNV, CHA, Nueva Canaria e un tránsfuga 'popular'.

Redacción - 10:45 25/10/2007

O goberno español conseguiu sacar adiante no Congreso a Lei de Presupostos Xerais do Estado (PXE) 2008 nunha axustada votación na tarde deste mércores.

Contou co apoio do grupo que o sustenta, o PSOE (164 deputados e ministros), así como do BNG (2), PNV (7), CHA (1), Nueva Canaria (1) e un tránsfuga do PP, que rexeitaron as seis emendas á totalidade presentadas polos populares, CiU, ERC, IU, CC e EA. ICV abstívose da votación.

O presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, criticou os orzamentos por seren "electoralistas" e "unha fórmula para saír do paso". Catro deputados deste grupo non acudiron por diversos motivos á votación, impedindo un resultado máis axustado.

O voceiro CiU, Josep Antoni Durán i Lleida, considerou que os orzamentos "non son realistas" e non cumpren o acordado en investimentos en Cataluña, algo co que coincidiu con Joan Puig, portavoz económico de ERC.
O portavoz de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, criticou que o Executivo español antepón o superávit ao gasto social.

Dende o PNV, malia apoiar as contas advertiu de que hai algúns "peros", como o desenvolvemento do Estatuto de Guernica, ao seu xuízo insuficiente.

Satisfacción no BNG
O voceiro do BNG no parlamento español, Francisco Rodríguez, manifestou o apoio do seu grupo aos PXE, e explicou que Galiza contará con 104 millóns de euros adicionais aos 1.942 millóns previstos. Porén, alertou do risco da falta de execución das accións previstas.

Ademais, salientou os trinta millóns acadados para o ferrocarril, os dez millóns para a recuperación de terreos do litoral galego, os oito millóns para seguridade viaria e para actuacións nas estradas, os quince millóns para o Programa de Desenvolvemento Rural e os seis millóns para o Plan Nacional de Calidade de Augas.

Rodríguez lembrou que no proxecto de Lei de PXE figuraba a cantidade total de 1.942 millóns para o país. "Foi o noso empeño que se superara esta cifra de modo que Galiza puidese contar con cen millóns de euros máis até colocarnos en 2.042 millóns".


Documentos

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: