Dous mozos de 12 anos descubriron unha granada de man mentres estaban a xogar nun piñeiral, dentro do recinto do Instituto Castro Alobre, en Vilagarcía. A bomba podería ser da Garda Civil.
Segundo informa o xornal Faro de Vigo, os dous nenos atoparon a granada a semana pasada, cando estaban a xogar nun piñeiral dentro do predio do seu instituto. Ao parecer, de seguida lles chamou a atención unha pina algo estraña. Cando a colleron decatáronse axiña de que era unha granada de man, que estaba oxidada, polo que parece, segundo a policía arousá, que non había risco de que estoupase.
O neno que a colleu, sen pensar nas posibilidades que ten unha granada, meteuna na mochila e levoulla a seus pais para amosárllela. Cando a viron os pais, avisaron á policía que se trasladou á vivenda do mozo cos artificeiros.
Atopada onde había un vello cuartel da garda civil
Ao estar tan vella, a policía decidiu que se trataba dunha bomba que levaba moitos anos naquel monte. Mais naquela zona estivera o vello cuartel da garda civil, e agora o novo está ben preto.
Aínda hoxe anda a policía investigando como chegou a granada até alí.