Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Manifestación a prol do indulto para os 'tres do Eixo'

"Non, non, non, inocentes a prisión"

Suso de Toro leu o manifesto ao final da marcha na que participaron unhas 5.000 persoas.

Redacción - 15:00 21/10/2007

Unha multitudinaria manifestación percorreu este domingo as rúas de Compostela en demanda do indulto dos tres do Eixo, condenados a sete anos de cárcere pola agresión a un policía durante unhas protestas veciñais, e obrigados a entrar a finais deste mes na cadea.

A protesta partiu da Alameda compostelá e a ela sumáronse numerosos colectivos sociais e os veciños da parroquia do Eixo, así como o BNG e o PSdeG, sindicatos e outras organizacións cívicas.

Suso de Toro: "Xuízo ao movemento veciñal"
"Indulto xa", Inocentes", "Non non non, inocentes a prisión" ou "Liberdade para os nosos veciños" foron as consignas máis coreadas no acto, que concluíu coa lectura dun manifesto polo escritor Suso de Toro.

Este explicou que a manifestación pretendía protestar polo que considera "un auténtico xuízo ao movemento veciñal", ante o que foi unha "causa enormemente xusta".

Recordou que todo comezou hai nove anos cando os veciños do Eixo chegaron a un acordo co Ministerio de Fomento, do que entón era responsábel o popular Francisco Álvarez Cascos, para melloras de seguridade viaria na zona, e este foi roto.

"Tres líderes do movemento veciñal, tres persoas realmente inocentes, van entrar presas". Xa que logo, a manifestación pretende que se lles conceda o indulto, afirmou De Toro, que cualificou o acto deste mediodía de "moi especial" porque foi "moi masivo" para unha cidade como Compostela e, ademais, non se viron bandeiras partidarias.

"É unha manifestación de veciños sós, con pancartas feitas na casa con papel, e é realmente masiva: isto supón un antes e un despois na resposta da xente, practicamente non hai organizacións detrás, non é un movemento organizado, senón que está o común da xente".

Agradecemento de Montoiro, Moreira e Márquez
Ao termo do acto, os tres veciños, Xesús Montoiro, Xosé Moreira e Simón Márquez, agradeceron aos veciños a súa solidariedade e dixeron que non esquecerán a data deste domingo, á vez que insistiron en que son inocentes.

Pola súa banda, o coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, considerou que a manifestación foi importante, e deixou clara a vontade dos veciños, polo que reclamou do goberno español que recapacite e lles conceda o indulto. Para esta medida de graza, tan só queda un Consello de Ministros por celebrar.


4,57/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: