Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Comunicado de Yolanda Castaño

"Sorprendeulles aos Aduaneiros que me molestase que me insulten?"

A poeta afirma que "durante todo o proceso non houbo por parte dos ASF intento algún de se poñer en contacto" con ela, e que non se resigna a "ter que dicir que chove".

Redacción - 09:45 21/10/2007

Comunicado da poeta Yolanda Castaño, recibido este sábado, a propósito da polémica xurdida cos responsábeis da web Aduaneiros sem fronteiras (ASF):

Levo 13 anos traballando na literatura en galego e noutros ámbitos culturais, convivindo cunha certa imaxe pública que me expón a críticas de todo tipo, pero tanto a imaxe como as críticas fan parte da liberdade de cadaquén. Algo moi distinto é que e se caia en insultos, inxurias e alusións soeces e gratuítas (non me refiro á valoración das miñas decisións ou do meu traballo). O insulto polo insulto é algo que nin eu nin ninguén debería ter que aturar e penso que só é de calidade unha xestión responsable dos contidos que se colgan en Internet.

Sorprendinme de que unha web á que supoñía certa madurez e criterio non peitease os comentarios claramente insultantes, dando por suposto que eu estaría encantada –ou ben absolutamente submisa- co tratamento que estaba recibindo. Decidín esperar un tempo para dar suficiente marxe á consciente reacción por parte dos responsables da web.
Cústame entender que alguén necesite da manifestación da vítima para ser consciente de ter feito un dano, que estea disposto a facer mal ata que non se lle queixen ou mentres non lle protesten. Sempre pensei que en calquera ámbito hai que responsabilizarse do propio comportamento e das súas posibles consecuencias, con madurez e aínda valentía. Sorpredeulle os ASF que me molestase que me insulten?

Facíaseme costa arriba ter que dirixirme persoalmente onda eles a pregar polo meu respecto sendo eu a inxuriada; daí a idea de facelo a través dun terceiro, un amigo avogado. Escollemos o que entendiamos a maneira máis suave de establecer o primeiro contacto: un mail. Calquera que coñeza a linguaxe xurídica minimamente sabe que o remitido polo meu avogado non é senón un convite a achegar posturas. Reservarse o dereito de acollerse ao amparo legal non é de ningún xeito unha ameaza. Acusar diso a alguén que advirte da posibilidade de defenderse ante unha inxuria paréceme unha maneira de criminalizar á inxuriada en beneficio propio. Os prazos establecidos non son máis que unha rutina de traballo e neste caso foron tomados por nós cunha elasticidade absoluta (10 días acabaron sendo un mes sen problema pola nosa banda).


Durante todo o proceso non houbo por parte dos ASF intento algún de se poñer en contacto comigo: non rexistraron chamada algunha os meus teléfonos nin enderezos electrónicos. Unha postura tallante ou programáticamente agresiva contra Aduaneiros tería suposto denunciar os feitos. Se optei pola comunicación foi porque sempre pensei que dariamos chegado a un acordo.


Comezou así un proceso de negociación amparado por uns protocolos tipo, os que se produciron entre o meu avogado e a avogada dos ASF (o primeiro mail e a súa resposta, e logo unha chamada telefónica entre eles dous). A postura inicial foi solicitar -sempre se comeza pedindo o máximo desexado- que se retirasen os comentarios que incluían palabras malsoantes a xeito de insulto, uns 4 ou 5, e a ilustración que encabezaba o resto dos 80 e pico comentarios. No meu ánimo sempre gardei a disposición a chegar a admitir que se deixase a caricatura, pero non as inxurias gratuítas e groseiras. Que a miña proposta primeira fose entendida como imposición é algo que escapa ao meu control. O punto exacto no que quedaramos coa avogada contraria era que falaría cos seus clientes para –entendiamos e esperabamos- ofrecernos algunha proposta e/ou informarnos das decisións dos autores. Cal sería a nosa sopresa cando os Aduaneiros deciden rebentar a negociación, saltar todos os protocolos establecidos e saírse do rego cunha manobra como á que acabamos de asistir.


Se aos Aduaneiros non lles gustou o meu método ou as miñas formas intentando defenderme dun ataque como é o meu dereito; ou se acaso existiu entre as dúas partes algún tipo de malentendido (a estas alturas non o descarto), debería terse tratado de arranxar en privado e non coa sucia manobra de facer desta discrepancia un circo. Os ASF, en canto alguén levantou a voz e non se estivo quietiña dabondo, incomodados despregaron a arma máis afiada que posúe a rede. E decidiron enarborar tan alta bandeira coma a da liberdade de expresión –seica esa liberdade non é igual para todos/as.


Non quixera colgarme medallas que non me corresponden: eu non pechei ASF nin comprendo que estes sentisen ameazada a súa liberdade de expresión. Nunca desexei impoñer o meu criterio, pero recibín a imposición do criterio deles: o de converter un desacordo privado nun espectáculo público e abondo patético. Total, que eu cargarei cos meus erros pero non cos dos demáis, que xa somos maiores. Non quero ofender a ninguén con estas liñas, pero tempouco pedir perdón por un pecado que creo que non cometín. Se houbo algún mal entendemento entre os Aduaneiros e máis eu laméntoo, pero non me resigno a ter que “dicir que chove” . Esta situación paréceme absurda, sobredimensionada e lamentable. Que os ASF fagan o que crean correcto e xusto, que tamén é precisamente o que veño de facer eu.

Yolanda Castaño


3,63/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: