Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Afirma para Vieiros que se están espallando "falsidades"

Yolanda Castaño di que non pretendía retirar a súa caricatura

Os Aduaneiros sem fronteiras contradín a versión da poeta.

M. del Río - 17:30 18/10/2007

O peche do blog Aduaneiros sem fronteiras despois de que o avogado de Yolanda Castaño lles pedise que retirasen uns contidos que consideraba difamatorios para a poeta segue a dar que falar. A resposta do blogomillo non se fixo agardar, e poucos son os blogs do país que non traten o asunto. En O mundo desde un chimpín hai unha recompilación das entradas.

Asemade, creouse unha páxina denominada Todos somos aduaneiros, onde se ofrecen banners de apoio ao blog paródico coa mensaxe “Eu son aduaneiro sem fronteiras”. Tanto a poeta como os artistas gráficos explicaron o acontecido para Vieiros:

Yolanda Castaño: Non houbo demanda. Están colgando calumnias, mentiras e falsidades por aí adiante insistentemente, non sei con que obxectivo. No seu blog había comentarios dos que, algún, unha minoría, contén insultos gratuítos e soeces. As malas críticas, levo 13 anos convivindo con elas, pero isto xa eran insultos gratuítos que non merezo nin eu nin ninguén. Esperei a que reflexionasen ou se desen de conta e pulisen os comentarios e peiteasen os que puidesen ser inxuriosos. Deixei unha marxe bastante longa, de sete meses, para que reflexionasen, porque eles son os que permiten ter comentarios no blog. Como me parecía inxusto que eu sexa a aldraxada e aínda teña que andar detrás deles pregando, fixen que contactase con eles un terceiro, un amigo avogado.

“Nun correo electrónico, amistosamente, convidounos a retirar os insultos. Nunha primeira fase de negociación, pedíuselles que retirasen tanto os comentarios como a caricatura, porque non nos parecía moi axeitada, aínda que sempre coa intención de negociar. Non tiveron a vontade de poñerse en contacto comigo. Estabamos á espera dunha contestación deles ofrecéndonos unha postura intermedia para poder chegar a un acordo. Con que retirasen os comentarios inxuriosos xa era dabondo. Ademais, non houbo ameazas de ningún tipo, só foi unha advertencia. Isto forma parte dun proceso: logo habería un acto de conciliación, non tería por que rematar nun xuízo. Suponse que no medio desa negociación, que se estaba a iniciar, rebentárona co que eu entendo como un ataque, no que acabo por ser insultada e a mala da película por tentar defenderme. Respecto o seu traballo, sempre que eles me respecten. Non teño a intención de que se peche o seu blog e son unha defensora da liberdade de expresión. Utilizáronme de cabeza de turco para pechar a bitácora.

Vieiros: Pensa que isto pode rematar nun acordo entre as dúas partes?

Sempre houbo vontade de chegar a un acordo, pero eles demostran que non queren dialogar. Eu si que estou disposta a que se deixe colgada a caricatura, pero os insultos creo que non se poden publicar.

E como valora a reacción do blogomillo en apoio de Aduaneiros?

Estase volvendo a facer un uso irresponsable da rede. Estou moi enfadada coas persoas que non contrastaron a información e só atenderon a unha das dúas partes, que ten unha información bastante sesgada. Entendo que o vitimismo cobre moita atracción.

E o feito de que, a pesar de que se retiren os insultos, sigan aparecendo na caché de Google, á que se pode acceder dende algúns blogs?

Non sei cal sería o comportamento máis axeitado para as persoas que somos insultadas. Iso xa forma parte do código ético dos internautas”.

Dende Aduaneiros sem fronteiras dan unha versión que contradí as palabras de Yolanda Castaño:

“O avogado deunos dez días para quitar a gráfica e os comentarios, baixo a ameaza de levarnos a xuízo. Tentamos achegarnos a ela para solucionalo e díxonos que non. Entón falamos cunha avogada, que contactou co seu avogado. Dixémoslle que estabamos dispostos a retirar os comentarios cos insultos, pero non a gráfica, pois queremos que se respecte a nosa liberdade de expresión e o dereito á parodia. Pero o avogado non puido contactar con Yolanda Castaño até unha semana despois. Entón, o representante contestou e insistiu en que había que quitar as gráficas e deunos outros sete días de prazo, até o luns da semana que vén, ou que senón iamos a xuízo.

“Decidimos retirala, porque non nos queriamos meter nun proceso xudicial, e acordamos pechar a páxina e levar o asunto a un xuízo público, do mesmo xeito que ela nos quería levar a un xuízo penal. Estabamos dispostos a eliminar os comentarios, aínda que non moderamos constantemente, como tampouco o fan a maioría dos blogs da rede. Denunciamos publicamente a situación. Estabamos convencidos de que esa gráfica non tiña por que retirarse.

“Levamos facendo isto durante anos e desexamos non ter por que someternos a un xuízo legal. Houbo unha reacción tremenda de apoio na internet, e houbo tamén críticas, pero o peche non é máis ca unha medida de presión. Non o fixemos porque quixésemos pechar e buscásemos unha escusa.

“Agora Yolanda Castaño minte, dicindo que aceptaría só a retirada dos comentarios, cando o avogado nos daba sete días para eliminar a gráfica, e dixo que non houbo ameazas, cando si que as houbo: dúas ameazas e dous prazos, un de dez días e outro de sete, e non foi nada amigábel.

“Sentímonos atacados como humoristas gráficos, e pechamos o blog porque nel hai moitas outras gráficas que, se hai un precedente, tamén nos poden meter en problemas. Por iso non o abriremos mentres non se poida garantir o noso dereito á parodia”.

O xoves á tarde, Aduaneiros sem fronteiras publica un novo comunicado que insiste na contradición das palabras de Yolanda Castaño e que reproduce o texto da carta enviada polo avogado da poeta a un dos responsábeis da páxina. Pola súa banda, Castaño ten previsto sacar outro comunicado o venres.


4,61/5 (28 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: