O diario 'Granma' publica un novo editorial do presidente do goberno de Cuba, onde compara os comicios no seu país cós dos Estados Unidos.
Máis de oito millóns de cubanos están chamados ás urnas este domingo
"As nosas eleccións son a antítese das que teñen lugar en Estados Unidos". Deste xeito inicia o presidente do goberno de Cuba, Fidel Castro, unha nova Reflexión das que vén publicando no diario Granma dende que iniciara o seu período de convalecencia dunha grave enfermidade.
"Alí o primeiro é ser moi rico, ou contar co apoio de moito diñeiro. (...) Aínda que hai honrosas excepcións, ninguén pode aspirar a ningún cargo importante se non dispón de millóns de dólares", afirma Castro. "Ás urnas acoden cada vez menos cidadáns, xa que moitos prefiren traballar ou dedicar o tempo a outra cousa. Hai fraudes, trucos, discriminación étnica e até violencia", continúa.
En referencia aos comicios en Cuba, Fidel Castro afirma que "o feito de que vote máis do 90% dos cidadáns, e os escolares custodien as urnas é algo inusitado, non pode ser crido se se trata dun 'escuro recuncho do mundo', agredido e bloqueado, que se chama Cuba". "Así exercitamos os músculos vigorosos da nosa conciencia", conclúe.
Máis de oito millóns de cubanos están chamados ás urnas este domingo, para elixir os seus representantes na Asemblea do Poder Popular do seu municipio de residencia. Serán estes os encargados de determinar a composición da Asemblea Nacional, que a súa vez escolle ao xefe do Estado.