Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Con motivo do Día contra a Pobreza

'Máis feitos, menos palabras' para erradicar a pobreza

Varias cidades mobilízanse para denunciar a pobreza no mundo e no país, e para reclamar que se cumpran os 'Obxectivos do Milenio'.

Redacción - 11:00 21/10/2007
Presentación da marcha, este mércores en Vigo, con motivo do Día contra a Pobreza

Presentación da marcha, este mércores en Vigo, con motivo do Día contra a Pobreza

Varias asociacións e cooperativas sociais súmanse aos actos que se desenvolven con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o 17 de outubro, cunha manifestación este domigo polas rúas de varias cidades galegas.

Baixo o lema Rebélate contra a pobreza: Máis feitos, menos palabras, pretenden amosar á clase política que a erradicación da pobreza é unha cuestión que "preocupa realmente á sociedade civil", polo que fixeron un chamamento á participación cidadá.

A manifestación enmárcase dentro das accións programadas pola Alianza Española contra a Pobreza que, aproveitando a proximidade da campaña electoral, quere recordar que os compromisos estabelecidos no ano 2000 polos xefes de estado asinantes da Declaración do Milenio "están moi lonxe de cumprirse".

O colectivo, formado por máis de mil organizacións sociais de toda índole, convocou varias marchas. Cinco terán lugar a partir das 11.00 horas en Lugo (Praza Maior), A Coruña (Obelisco) e Compostela (Toural).

En Vigo, o Foro Social Galicia Sur, integrado por varias ONGs e colectivos da comarca, convocou a marcha para as 12.00 horas na Praza de América, e partirá en dirección á Praza da Constitución. En Ferrol, haberá exposicións e unha mostra de produtos de comercio xusto.

Obxectivos da Declaración do Milenio

Os obxectivos asinados na Declaración do Milenio eran, por un lado, erradicar a pobreza extrema e a fame; a meta era chegar a 2015 cun 50% menos de persoas con ingresos inferiores a un dólar ao día. Tamén se propuxo lograr a educación primaria universal, promover a igualdade de xénero e a autonomía da muller, e reducir a mortalidade infantil.

Outros dos obxectivos formulados no cumio de 2000 foron a mellora da saúde materna, a loita contra a propagación da SIDA, paludismo e outras enfermidades, garantir a sustentabilidade do medio ou crear unha asociación mundial para o desenvolvemento.

Pobreza en Galiza
Ao redor de 400.000 persoas viven en situación de risco de pobreza por baixos ingresos en Galiza, segundo os datos da publicación A pobreza e a exclusión social en Galicia promovida pola Vicepresidencia da Xunta. Este informe serviulle para elaborar o II Plan Galego de Inclusión Social 2007-2013.

Aínda que o traballo está elaborado a partir de estatísticas correspondentes ao período 2003-2006, a secretaria xeral de Benestar Social, María Xesús Lago, afirma que son "os datos máis actualizados" e que entende que, "salvo por pequenas variacións non significativas, están plenamente en vigor".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: