A Dirección Xeral de Cooperación Exterior e Solidariedade Internacional levan adiante a iniciativa Iguais no 2015. Unha das primeiras accións está en marcha dende as 11:30 do venres 9 de febreiro: o alumnado de vinte institutos reparte un xornal a prol da igualdade entre sexos. Elaborado polo alumnado coa colaboración do Grupo Correo Gallego, o xornal foi repartido na praza santiaguesa do Toural, nun acto no que participaron a directora xeral de Cooperación, Fabiola Sotelo e a dirixente guatemalteca Ana María Rodríguez, que leva trece anos loitando pola igualdade nunha rexión maia, onde creou unha escola para mulleres adultas con colaboración galega e liderou a organización Madre Tierra.
O xornal reúne informes e artigos de opinión, ademais de críticas de filmes, tiras cómicas, debuxos, contidos creativos, como poemas, e mesmo pasatempos. Esta campaña encamíñase cara á consecución do terceiro dos 'Obxectivos do Milenio', acordados na Asemblea da ONU no 2000: "Promover a igualdade de xénero e a autonomía das mulleres".
Entre as próximas accións, o xornal repartirase tamén o sábado 10 na praza pontevedresa da Peregrina, no Obelisco da Coruña, a Praza Maior de Lugo e a Rúa do Paseo de Ourense.Tamén poderemos escoitar os programas en Radio Voz, en Pontevedra o luns 12 ás 10.15 (93.1 FM) e en Vigo o xoves 15 ás 11.00 (103.8 FM). Ademais, haberá conferencias e coloquios por toda a xeografía: Pontevedra acolle, no seu Café Moderno, a primeira delas, o venres 9 ás 20.00. Seguirán en Ourense, no local de Obra Social Caixa Galicia, o luns 12 ás 20.30; en Lugo, o martes 13 á mesma hora, na Galería Sargadelos; na Casa da Cultura de Rodeiro, o mércores 14 ás 21.30; no Videoforum do Casal de Ferreirós, en Poio, o xoves 15 ás 19.00; e en L'atelier del Café, en Vilagarcía, o venres 16 ás 20.00. Tamén nos institutos García Barbón de Verín, o mércores 13, e no María Casares de Oleiros o xoves 15, nos dous casos ás 12.00.