Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aumentan os indecisos e PP, PSOE e BNG perden apoios

O barómetro da Xunta suspende a Feijoo e mantén a vantaxe do bipartito

O estudo de "clima social" que achega a secretaría de Análise e Proxección indica que desemprego, vivenda e urbanismo, e salarios, son as tres preocupacións destacadas polos cidadáns.

Redacción - 15:00 17/10/2007

Os datos do terceiro estudo deste ano sobre o clima social no país, elaborado pola Secretaría Xeral de Análise e Proxección da Xunta, amosan certa estabilidade nos resultados, aínda que as posturas da cidadanía están cada vez máis polarizadas, o que, segundo o secretario xeral, Xosé Manuel Rivera, responde ao clima preelectoral.

O barómetro trimestral amosa unha intención de voto directa en eleccións ao Parlamento dun 23,7% para o PSdeG-PSOE, un 16,9 para o PPdeG e un 13,7 para o BNG. Un 25,2% das persoas enquisadas amósanse indecisas. A valoración dos líderes políticos mantense estábel fronte ao anterior estudo: Touriño levaría un 5,63, Quintana un 5,07 e Núñez Feijoo suspendería cun 4,21. Mirando para os datos do estudo realizado antes do verán, apréciase unha mingua no apoio a cada unha das tres principais forzas políticas e un aumento da porcentaxe de indecisos, en até cinco puntos. O maior descenso sería para os socialistas, que perden até tres puntos en intención de voto, malia que aínda manteñen ampla marxe sobre o PPdeG, que deixa 1,3 puntos. O Bloque reduce en dous puntos a cifra obtida en xullo.

Un exemplo da polarización da sociedade é o feito de que medra a porcentaxe de galegos que se consideran “só españois”, que acada o 7%. No entanto, hai máis cidadáns que se senten só galegos ou máis galegos (o 7,3% e o 16,4) ca máis españois (7 e 6,8%). A opinión maioritaria segue a ser “tan galego como español”, co 61% das respostas. No referente á visión da situación económica, aumenta a visión negativa do país, cun 32,9% que a ve “mala” e un 3,4% “moi mala”. Porén, mantéñense os datos de anteriores estudos no referente á impresión que os enquisados teñen sobre a súa propia economía. Tamén segue a ser o paro a principal preocupación da cidadanía, cun 23,7%, seguida do urbanismo, co 11,6%. A pesar de todo, é “a porcentaxe máis baixa na historia de Galiza”, afirmou Rivera Otero.

Por outra banda, a visión da situación política do país é positiva, cunha porcentaxe máis alta de valoracións positivas (29%) ca negativas (27,8%). e tamén é optimista en canto ao status con respecto ao ano pasado e ás previsións de futuro. Para Xosé Manuel Rivera, “non existe unha visión de crispación co bipartito. Os galegos teñen asumido perfectamente o que é unha coalición de goberno”.

O estudo inclúe este trimestre unha aproximación aos hábitos vacacionais da poboación, que amosan que o 44,5% dos galegos dispuxo delas este verán, mentres que o 55,5% non o fixo, incluíndo sectores de poboación como pensionistas, parados ou amas de casa. O 38,6% das vacacións pasáronse nun lugar fixo de Galiza, o 28,1% en España e o 14,6% no estranxeiro, maiormente en Europa. A praia segue a ser o principal lugar de descanso, e facer deporte (20,4%), seguido de ir aos areais (18,3%) as principais actividades durante as xornadas libres.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: