Medio Ambiente pagou unha media de case 20 euros por un vídeo que se pode mercar en tendas por apenas 11.
Arredor de 580 mil euros é o orzamento do Ministerio de Medio Ambiente para a adquisición do lote de vídeos do documental Unha verdade incómoda, mercados coa fin de enviarllos ás escolas para seren proxectados nas aulas. O total de 30 mil copias adquiridas saen xa que logo a unha media de algo máis de 19 euros.
Paradoxalmente, facendo unha procura rápida pola rede atopamos que o prezo do vídeo no mercado é significativamente menor. No momento de escribirmos estas liñas, na macrotenda internáutica de Amazón vémolo por apenas 14,7 euros. Na web da tenda Gong atopámolo por 11,35 euros.
Xa que logo, o executivo estatal abonoulle á produtora arredor do dobre do prezo de mercado, sen rebaixa ningunha e malia ser o obxectivo a súa utilización na comunidade educativa. Serviría esa elevada suma de cartos para deseñar programas didácticos para tratar especificamente o tema do cambio climático de xeito didáctico? Podería ter adquirido o ministerio un número menor de copias con dereito a copialas para a súa proxección nas escolas? Preguntas incómodas para "Unha verdade incómoda".