O executivo estadounidense pide seguir as conversas a tres bandas e evitar "accións desestabilizadoras".
Logo do recente conflito diplomático cos Estados Unidos, debido á aprobación dunha moción que condenaba o "xenocidio" cometido contra os armenios hai case cen anos, o executivo turco toma distancia das recomendacións do goberno Bush na súa posición fronte a Iraq.
Así, entre o domingo e o luns xa se informou das bombas caídas sobre varios asentamentos curdos dentro de Iraq. Turquía xustificou os ataques como resposta a presuntos explosivos lanzados anteriormente desde o lado curdo. De calquera xeito, o goberno reuniuse este luns con urxencia para revisar a solicitude do exército para unha intervención militar transfronteiriza. Así, o executivo decidiu admitir a proposta de invadir territorio curdo. A operación producirase con seguridade e malia a oposición dos Estados Unidos, que consideran que o Curdistán iraquí era apenas a única zona de Iraq relativamente pouco conflitiva. Nas últimas horas, o exército turco segue concentrando tropas a pé da fronteira.