O goberno provincial pretende rematar con anos de hostilidade contra a lingua.
A Deputación de Lugo deixou patente o seu compromiso por cumprir a Lei de Normalización Lingüística. O vicepresidente do organismo, Antón Bao, e o deputado de Cultura e Normalización, Antonio Veiga, comprometéronse á “plena galeguización da Deputación”, nunha entrevista que mantiveron con representantes da Mesa.
Bao lembrou a situación anterior: “Até o de agora a Deputación tiña coa lingua un tratamento case hostil por parte do goberno, non do persoal”. “As institucións debemos xogar un papel fundamental dando uso con normalidade ao galego, xa que o idioma é parte fundamental da nosa pervivencia como pobo”, engadiu.
Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dixo que se están a producir “mudanzas verdadeiramente históricas nunha institución antes fóbica contra o uso da lingua”.
O presidente da asociación, Carlos Callón, fala dunha “mudanza histórica” nunha institución que antes “era fóbica contra o galego”. Antonio Veiga anunciou algúns dos cambios previstos para os vindeiros meses, como a creación dun Gabinete de Normalización Lingüística, que prestará asemade servizo aos concellos, e galeguización do dominio da web, que empregará “deputación” en lugar de “diputación”.