Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
POLA SUA PARTICIPACIÓN NA DITADURA

Reclusión perpetua ao crego por xenocida

A xustiza condenou este martes ao ex capelán Christian Von Wernich por crimes cometidos no marco do "xenocidio" ocorrido entre 1976 e 1983 na Arxentina. O sacerdote fora acusado por 7 homicidios, 42 privacións ilexítimas de liberdade e 32 casos de torturas.

Débora Campos - 13:00 10/10/2007

"Como a los nazis, les va a pasar: a donde vayan, los iremos a buscar". Berrando o canto emblemático que os defensores dos dereitos humanos levan transformado en himno foi celebrada a histórica condea a reclusión perpetua ao primeiro crego empuxado ante a Xustiza pola súa participación na dictadura arxentina.

O Tribunal Federal Número 1 da cidade de La Plata condenou na noite do martes noite ao ex capelán da policía bonaerense Christian Von Wernich á pena de "reclusión perpetua", por crimes cometidos no marco do "xenocidio" ocorrido entre 1976 e 1983 na Arxentina. O sacerdote fora acusado por 7 homicidios, 42 privacións ilexítimas de liberdade e 32 casos de torturas durante a última ditadura militar.

Condea á Igrexa Católica
"Con esta condea, tamén é condenada a Igrexa Católica toda, que nunca recoñeceu o que nos fixo aos arxentinos", dixo a titular das Nais da Praza de Maio "Línea Fundadora" Tati Almeida. "É hora de que carguen coa responsabilidade, de que se fagan cargo do horror dos desaparecidos", expresou Almeida ao ser consultada pola prensa sobre que actitude debería tomar a Igrexa. "Penso que se fixo xustiza, é un día histórico que non pensabamos poder vivir", engadiu.

Pola súa banda, o secretario de Dereitos Humanos, Eduardo Luís Duhalde, sostivo que "é un fallo histórico axustado a Dereito", ao aludir á condena a reclusión perpetua do sacerdote. "Esperemos agora que sigan os demais xuízos ata condenar a todos os responsables" polas violacións aos dereitos humanos durante a ditadura, sostivo Duhalde, quen estivo presente na lectura da sentenza condenatoria.

Coñecida a sentenza, Marta Vedio, avogada querellante, afirmou: "Estamos todos moi emocionados e moi satisfeitos pola condena. O Tribunal tomou a acusación da querella e deixou de lado a da Fiscalía".

Tamén o avogado Alejo Ramos Padilla, representante legal da familia do sobranceiro xornalista Jacobo Timerman, expresou o seu agradecemento a "as Nais e Avoas que nos marcaron que era posible un país distinto ao de Videla ou de Martínez de Hoz. Como o ano pasado con Etchecolatz, conseguiron agora a condena a Von Wernich", expresou o letrado.
En relación á Igrexa dixo que "esperemos que se pronuncien. Fai 30 anos que gardan silencio por este tipo de casos, pero non teñen problemas en cuestionar ao ministro de Saúde".

Reconciliación e paz
Nas últimas horas, o sacerdote acusado utilizou o seu dereito de ter a palabra na última instancia do xuízo. "Se queremos chegar á verdade, fagámolo con reconciliación e paz- dixo o crego-. O home necesita reconciliarse para atopar a xustiza". Ademáis, un dos avogados da defensa do ex capelán da Bonaerense, Marcelo Pena, finalizou a alegación e pediu a absolución do sacerdote, medida que foi totalmente erradicada tras coñecerse o fallo que condenou por primeira vez a un sacerdote por crimes de lesa humanidade.

A condena a reclusión perpetua do sacerdote foi recibida no serán arxentino con cánticos e apertas por parte do público que colmaba a sala de audiencias do Tribunal. Un panorama similar, pero acompañado polo estrondo de foguetes e fogos artificiais, rexistrouse nos arredores do edificio de tribunais onde se concentraron centos de integrantes de organizacións defensoras dos dereitos humanos e estudantís.

Falsa ameaza de bomba
Pouco antes da lectura da sentencia, unha ameaza da colocación dunha bomba no edificio dos Tribunais resultou falsa xa que efectivos policiais confirmaron que non había ningún artefacto explosivo no lugar. Con todo, os controis retrasaron o coñecemento da condea que foi anunciado máis de dúas horas despóis do programado.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: