Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Fronte ao reducido número de alumnos en Galiza

Os estremeños adiantan a Galiza no interese por aprenderen o portugués

Case o dobre de estudantes de portugués nas escolas de idiomas de Estremadura, onde alén do inglés é o máis demandado. A lingua lusa entra tamén con forza nos centros de Primaria e Secundaria e na universidade.

Redacción - 09:00 10/10/2007

Se o interese pola lingua é un factor importante que dá conta do protagonismo no estabelecemento de pontes entre o Estado español e o portugués, semella que a nivel estatal Estremadura vai camiño de pilotar unha Eurorrexión con vontade de competir activamente coa de Galiza e o Norte de Portugal. Calcúlase que arredor de 10 mil persoas estudaron portugués o ano pasado en Estremadura.

Hai pouco contabámoslles das cifras do estudo do portugués en Galiza. Agora achegámoslles a estatística en Estremadura. No que lle toca á comparativa a nivel de Escolas de Idiomas, EOI, e segundo detallan desde o departamento de Educación da Junta, no pasado curso os estremeños que cursaban portugués eran 1.375. A cifra é case o dobre respecto dos galegos, 780 nese curso. Alén diso, mentres que en Galiza son oito as EOI onde poden seguirse os cursos oficiais, en Estremadura a oferta chega até nove centros.

Xa que logo, na EOI de Badaxoz hai máis alumnos de portugués, até 364 en 2006-2007, que en calquera outra escola de idiomas de Galiza, onde Vigo é a que máis xunta, 196 o último curso. Por riba do centro vigués están tamén as de Cáceres, 264, e Salamanca, 248.

Segundo explican para Vieiros desde o Gabinete de Iniciativas Transfronteirizas, o interese por estudar portugués é crecente e non se restrinxe só ás vilas e cidades que están máis preto da fronteira, senón que é perceptíbel no resto de Estremadura. Así, o portugués pasoulle xa por diante ao francés, converténdose na segunda lingua con máis matrículas, por tras do inglés.

Cada vez máis en escolas e universidades
Máis alá da propia especialidade de Filoloxía Portuguesa, os mozos e mozas estremeños poden optar a formación en lingua portuguesa de xeito optativo nos estudos de Turismo, Empresariais, e nas Escolas de Formación do Profesorado. Sumados todos eles, o último curso eran arredor de 700 os alumnos estudando portugués na Universidade de Estremadura.

A evolución é tamén significativa nas escolas de Primaria e Secundaria. No primeiro caso son 21 centros escolares os que ofertan portugués como segunda lingua. No que lle toca a Secundaria chegan até 14 institutos. Nalgúns centros próximos á fronteira xa se realizaron experiencias de introdución do portugués nas aulas da etapa de Educación Infantil, entre os 3 os 6 anos. Alén diso, existen programas específicos de formación en lingua e cultura portuguesa que se despregan nas escolas que o solicitan en cada curso. En 2007 foron vinte centros os participantes. Tamén se financian intercambios escolares e xornadas de convivencia entre alumnos estremeños e portugueses. Existe mesmo unha activa Asociación de Profesores de Portugués.

Interese socioeconómico
Doutores e enfermeiros, policías, traballadores de pemes... Segundo detallan desde o Gabinete de Iniciativas Transfronteirizas, para este ano serán máis dun cento de cursos que alén da formación regrada se proporcionen para sectores específicos onde tamén aumenta a vontade de poderen desenvolverse en lingua portuguesa.

Os centros e cursos de formación ocupacional e continua tamén inclúen o idioma no seu currículo. Cursos similares sonlle ofrecidos ao funcionariado. O mesmo organismo, dependente da Junta de Estremadura, ofrece obradoiros avanzados de lingua e cultura portuguesa. Mesmo o Servizo Estremeño de Emprego deseña cursos nesta lingua, tanto para desempregados como para traballadores en activo. Sindicatos e organizacións empresariais xestionan directamente algúns deles.
Por outra parte, o único sistema multimedia para a aprendizaxe do portugués que foi realizado a nivel estatal pagouno a Junta de Estremadura xa hai anos, e pode ser consultado de balde en internet e tamén se subvencionan cursos emitidos radiofonicamente.



4,5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: