A partir das 16.30 horas no edificio administrativo da Xunta en Vigo. Na xuntanza deste luns á noite acordaron algúns dos aspectos menos conflitivos.
Os sindicatos e os empresarios do sector da construción da provincia de Pontevedra pecharon este luns á noite varios acordos en materia social, no marco da negociación do convenio provincial, en cuestións como a vixencia do convenio (tres anos), a porcentaxe de persoal fixo, os permisos ou a xubilación parcial.
Nesta xuntanza, en que participaron o delegado provincial de Traballo, Pedro Borrajo, a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, e o xefe da Inspección, Xosé María Casas, non se trataron cuestións económicas. Este martes a partir das 16.30 horas, ambas as partes retoman as negociacións no edificio administrativo da Xunta en Vigo.
No entanto, na mañá desta mesma xornada os traballadores foron á folga tal e como estaba previsto. Ao mediodía, na Porta do Sol, os representantes sindicais da CIG, CCOO e UXT, que chegaron escoltados pola policía, informaron en asemblea dos avances da negociación.
Negociación por etapas
O responsábel do sector da construción da CIG, Xoán Melón, manifestou que "as dúbidas sobre se ía haber continuidade nos paros quedou completamente disipada", e afirmou que "segue a haber un apoio total" por parte dos traballadores. "O paro na construción segue a ser masivo", dixo.
Melón confirmou que os puntos menos conflitivos xa están acordados. "Para esta tarde (do martes) quedan os de dificultade media" e os aspectos máis polémicos -o incremento salarial e o estabelecemento de xornada continuada- "trataranse ao final".
De calquera xeito, o calendario de mobilizacións mantense. Haberá unha nova xornada de folga este mércores, e o paro será indefinido a partir do día 16, en caso de que non haxa un acordo definitivo.