O primeiro ministro, Gordon Brown, anunciou unha primeira redución a menos da metade para a vindeira primavera.
Brown, este luns
O Reino Unido reducirá o número das súas tropas en Iraq de 5.500 a 2.500 na vindeira primavera, como parte dunha operación de repregamento e cambio na natureza da súa presenza militar, segundo anunciou este luns o primeiro ministro, Gordon Brown, no parlamento británico.
Porén, Brown deixou a porta aberta a unha retirada total, antes de finalizar 2008, que segundo afirma o diario inglés The Independent permitiríalle pelexar nas eleccións xerais -agora previstas para 2009, logo da súa negativa a adiantar os comicios- sen tropas en Iraq. Isto neutralizaría o dano que a decisión de Tony Blair de ir á guerra provocou no goberno laborista.
A oposición conservadora acusou a Brown de 'reciclar' un anuncio que xa fixera a pasada semana durante unha visita a Iraq. O primeiro ministro ofreceu un balance do logrado até o de agora e expuxo os obxectivos dos vindeiros meses.
As tropas británicas non se retirarán totalmente de Iraq, porque a súa presenza no sur do país protexe a ruta de abastecemento loxístico ás tropas de Estados Unidos dende Kuwait e Arabia Saudita. A provincia de Basora ten tamén importancia estratexia polas súas explotacións petrolíferas e porque ofrece o único acceso ao mar do país árabe.