Alén de non propoñer iniciativas a prol da lingua, o partido liderado por Núñez Feijoo evita recuperar o consenso rachado pola presión da dirección do PP en Madrid.
Na mañá desta cuarta feira, socialistas e nacionalistas acordaran unha proposta de resolución onde se insta á Xunta a promover "un gran pacto pola lingua que abranga medios de comunicación, entidades empresariais, políticas, sindicais e asociativas para conseguir un incremento real do uso oral e escrito da lingua galega e promover que se mire pola calidade da lingua utilizada".
A iniciativa foi evitada polo grupo parlamentario do PPdeG. Na xornada anterior, o voceiro do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, xa protagonizara un discurso onde en materia educativa se restrinxiu practicamente a recuperar a denuncia do presunto "conflito" lingüístico que na súa opinión abriu o bipartito co decreto sobre a lingua nas escolas. No segundo día do debate sobre o estado da nación, Feijoo teimou en declaracións para os medios na idea de que o Goberno "rachou o consenso" sobre a lingua. Para o presidente do PPdeG o único pacto aceptábel polo seu partido neste momento é aquel que se basee unicamente no "dereito dos alumnos a dirixirse aos profesores en calquera das dúas linguas oficiais da comunidade autónoma" e no "dereito dos pais a determinar cal é a lingua materna dos seus fillos". Feijoo opina que non se garanten agora mesmo a proporcionalidade no uso do castelán nin as competencias lingüísticas dos alumnos en galego e castelán en cada ciclo educativo.
Ao respecto, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, acusou de "galegofobia" aos populares. Na opinión de Aymerich existe a constancia da degradación da lingua galega, da que daría conta o último informe do Consello Escolar de Galiza. Por iso, preguntoulle a Feijoo se " a súa paz lingüística consiste en negarlle os dereitos aos galegofalantes e acalar as súas queixas?".