A mostra xa percorreu 25 cidades de todo o Estado, e agora estará nunha carpa no paseo central da Alameda compostelá.
A prevención e a sensibilización social, ademais do apoio, a atención e a reinserción das vítimas do maltrato, centran o programa "Violencia: tolerancia cero" da Obra Social La Caixa. A mostra, que presenta La Caixa en colaboración co Concello de Santiago, poderase visitar todos os días de 9.30 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00, de balde.
Está estruturada en cinco módulos: no primeiro, sobre os dereitos humanos, percorreremos corredores cheos de frases de persoeiros como Isaac Asimov ou Gandhi e extraídas da Declaración dos Dereitos Humanos. A violencia en situacións cotiás, é outro dos módulos, reflectido nun escenario que representa un comedor onde tivo lugar unha situación de violencia.
Convídasenos a reflexionar sobre a diferenza entre o amor e o control, posesión ou celos, por medio dun espazo que recrea unha praza, e en cuxas fiestras son proxectada escenas de Douche os meus ollos, Miña nada máis, O bóla, Soas, A nai ou Carne trémula. Tamén sobre a violencia nas aulas cun espazo que simula unha, con ameazas pintadas nos pupitres e insultos nas paredes. Segundo un informe elaborado polo Centro Reina Sofía, tres de cada dez alumnos sofre algún tipo de violencia na escola.
Pero, así como se presenta a identificación do problema e a súa análise, a mostra conclúe con posibilidades de actuación: a coeducación, a defensa dos dereitos humanos, e a información como piar da prevención protagonizan os últimos módulo, dedicados a amosar diferentes iniciativas na loita contra a violencia.
A violencia apréndese
Non é un comportamento natural, senón unha actitude aprendida coa socialización do individuo. Atendendo á prevención, a educación na igualdade e a denuncia da ilexitimidade da violencia son a base para recoñecer o problema e poder erradicalo. Como indicou a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, é moi necesario incidir na convivencia diaria. "A violencia non é só a imaxe dunha persoa cun ollo morado, comeza xa cando as relacións de poder e de control substitúen ás de convivencia".
Xunto con ela, a coordinadora do programa, Ana Bustamante, a secretaria xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta, Carme Adán, e a directora da Área de Negocio de "la Caixa" en Santiago, Beatriz Cristina Rodríguez, presentaron a mostra. Carme Adán indicou, pola súa banda, que é moi complexo pensar en cales son os indicadores que "realmente achegan unha mostra do número de mulleres que están a vivir unha situación de violencia", referíndose ás últimas estatísticas.
O número de denuncias non se corresponde co número de casos reais. Como explicou a secretaria xeral, "estanse botando a andar servizos de atención psicolóxica e medidas como o salario da liberdade que camiñan cara á recuperación integral", e a medida en que sexan empregados estes servizos pode indicar cal é o índice de violencia.
O programa, ademais da mostra, abrangue unha serie de propostas de talleres escolares, un conxunto de materiais psicosociais para os profesionais da atención, e unha publicación, escrita polos doutores Luís Rojas Marcos e Inés Alberdi, dirixida a sensibilizar á sociedade.