O ministro de Cultura, César Antonio Molina, entregoulles os Premios Nacionais de Edición ás editoriais galegas Kalandraka e Factoría K.
As dúas editoriais levaron este premio pola publicación de Pucho, o habitador dos tellados (Kalandraka) e Animalario (Faktoría K), incluídos nas categorías de Literatura Infantil-Xuvenil e Arte, respectivamente. É xa o sexto premio para Kalandraka, mais o primeiro para Faktoría K.
Este xa fai o sexto premio estatal que recibe a editorial Kalandraka ao longo da súa traxectoria de case dez anos (para o ano están de aniversario). Pucho, o habitador dos tellados, de Manuel Janeiro e Juan Ramón Alonso, tamén foi incluída recentemente na Lista de Honra da Organización Internacional para o Libro Infantil e Xuvenil IBBY.
En canto ao selo vigués Faktoría K, esta é a súa primeira distinción, lograda cun libro de arte do que se fixo unha edición numerada e limitada de 2.000 exemplares. Na fabricación artesanal de Animalario traballou unha comunidade de impresores da India, seguindo unha técnica única de serigrafía sobre papel especial feito a man.
Segundo ambas as dúas editoriais, Animalario e Pucho son o resultado dun traballo colectivo no que destaca o labor de Manuela Rodríguez, na área de Edición, e de Macu Fontarigo, na de Deseño. A elección dos materiais, a composición das obras e a calidade na impresión son características comúns a ambos os dous títulos, o que fai que sexan destacábeis.