Un estudo agoira a destrución do Amazonas se a chamada iniciativa IRSA segue adiante na forma actual.
A Iniciativa para a Integración das Infraestruturas Rexionais Suramericanas, IIRSA, é un ambicioso proxecto que pretende xuntar esforzos de até unha ducia de países a prol do despregue de vías que estimulen as economías da zona. Autoestradas, encoros, pontes e outras liñas de comunicación e distribución enerxética forman parte do plan liderado entre outros por Brasil, Bolivia, Arxentina e Venezuela.
Ao respecto, esta semana coñeceuse a opinión do colectivo ecoloxista Conservación Internacional, que analizou polo miúdo o impacto do proxecto. Presentado durante un foro sobre parques naturais celebrado en Arxentina, o estudo advirte do grave impacto que na súa forma actual tería o IIRSA sobre a Amazonía. Consideran os ecoloxistas que en apenas tres décadas poderíase certificar a desaparición completa da selva amazónica. Os activistas ambientais consideran que nesta altura aínda é posíbel revisar o proxecto para garantir o seu despregue racional.