O líder do PPdeG critica a división do goberno e o discurso de "investidura" de Touriño, que "di o que vai facer e non fixo". Ademais propón a redución dos impostos de sociedades e de sucesións e o traslado da papeleira de Ence fóra da ría de Pontevedra.
O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, comezou o seu discurso criticando a división existente dentro do Goberno entre nacionalistas e socialistas. Segundo el, no debate sobre o Estado da Autonomía o protagonista debería ser o presidente, mais as "anomalías" deste Executivo "que propugna a pseudocultura da coalición" provocan que se "debata pola mañá con Touriño e pola tarde con Quintana".
Parafraseando ao voceiro parlamentario socialista Ismael Rego, quen dixera que o BNG é goberno pola mañá e oposición pola tarde, Feijoo afirmou que "como estamos pola tarde, toca facer oposición".
Ademais, aproveitou para recordar todos os enfrontamentos que se produciron entre os dous socios de Goberno: a polémica dos carteis entre Antón Losada e Méndez Romeu; a chamada a insubmisión de Encarna Otero no tema do plus de altos cargos; ou as negociacións para que Navantia-Fene volvese construír barcos civís. "Por discutir, chegaron a discutir a hora en que vivíamos neste país", afirmou.
A primeira das propostas de Núñez Feijoo, en relación a polémica polas gravacións membros da Xunta, foi a de presentar un novo director da CRTVG antes do 31 de decembro, e dirixiuse ao vicepresidente Anxo Quintana: "Cun só dos seus deputados chegaría para renovar este cargo; se non o fai pasará de vítima a cómplice".
Respecto ao relatorio inaugural do presidente Emilio Pérez Touriño, Feijoo cualificouno de "discurso de investidura", xa que "falou do que vai facer e non fixo", e criticou o optimismo deste, "xusto no día en que sube o paro en Galiza; nove de cada dez europeos son temporais; hai un 31% de siniestralidade laboral". Tamén, reprochoulle ao Goberno que deixase sen executar un 26% dos orzamentos aprobados polo Parlamento en 2006.
Reforma do Estatuto
Núñez Feijoo afirmou que "nos sentimos españois e galegos; o noso xeito de ser españois e sendo galegos", e preguntoulle a Touriño se está a disposto a aprobar un estatuto de autodeterminación, cando pide un igual ao de Cataluña e Euskadi. "Nós queremos un Estatuto de primeira no Estado das Autonomías, non no Estado das soberanías", sentenciou.
O líder dos 'populares' continuou co tema da lingua, do que dixo que "nós amamos o galego". Esta afirmación provocou o balbordo entre algúns deputados. Feijoo retrucou que "ninguén me vai dar leccións de galego", e reclamou a liberdade dos alumnos, profesores e pais para usaren a lingua que queiran.
No eido do Ensino fixo unha crítica particular ao proxecto de Vicepresidencia das galescolas. Dirixíndose a Quintana, sinalou que se tratan dunha "moda que durará o que dure vostede". Ademais, acusou aos servizos de contratación de seleccionar o persoal mediante "entrevista persoal".
Orzamentos, emigración e competencias
Tamén cuestionou o optimismo do Goberno e do grupo socialista no que se refire a pórlle freo a emigración de mozos a outras partes do Estado para traballar. Segundo dixo, nestes dous anos 11.294 persoas novas marcharon, "o maior número nos últimos 15 anos".
Núñez Feijoo afirmou que "a relevancia política do señor Touriño e do señor Quintana en Madrid é cero" para criticar a Lei de Presupostos Xerais do Estado para 2008: "Que máis dá a cifra que nos dean se despois só se executa a metade?". O líder dos 'populares' considerou que esta situación está provocada pola "nula relevancia que ten Galiza no PSOE".
Neste senso expuxo que durante o goberno de José María Aznar transferíronse a Galiza 34 competencias, namentres que no actual de José Luis Rodríguez Zapatero, cinco. Ademais, criticou a política da Xunta respecto da eurorrexión co Norte de Portugal, recordando as palabras do ex secretario xeral de Relacións Exteriores, que afirmaba non entender como as relacións do Estado Español co país veciño pasaban por Badaxoz, en troques de por Galiza.
"No córner de Europa"
Por último, Feijoo enumerou as súas propostas ao Goberno, entre as que, ademais do cambio de dirección na CRTVG, salientan: a supresión do imposto de sucesións; a redución do imposto de sociedades dun 25% a un 20%; o traslado por consenso da papeleira de Ence fóra da ría de Pontevedra a outro lugar do municipio, así como a creación dunha segunda; ou que o Sergas garinta a atención dos pacientes en 45 días ou senón que corra cos gastos da visita nun centro privado.
Alberto Núñez Feijoo resumiu a acción do Goberno cunha frase significativa: "Tras dous anos de bipartito, Galiza está onde estaba no ano 2005: no córner de Europa".