Na súa intervención, o vicepresidente destacou as políticas sociais e de defensa dos sectores produtivos que se están a impulsar e que asegura que van ser perceptíbeis no que queda de lexislatura.
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, aproveitou a súa primeira intervención no Debate sobre o Estado da Nación para facer balanzo dos dous primeiros anos no executivo. O líder nacionalista fixo fincapé na idea de que os dous anos que quedan van servir para consumar un cambio que "xa está en marcha". Entre as principais novidades, Quintana anunciou un esforzo para complementar as pensións máis baixas, tamén as non contributivas, en 2008 e loitar así contra calquera tipo de exclusión social. Pediu un esforzo para aumentar as cotas de autogoberno: "Non imos aceptar un teito competencial rebaixado". Sinalou que nos vindeiros meses o BNG vai presentar unha proposición de lei para que a Cámara solicite ao goberno estatal as competencias de Tráfico, que podería asumir a medio prazo a futura Policía Galega. O vicepresidente mostrou a súa seguridade de que isto é posíbel se hai un acordo parlamentario entre todos os grupos.
Con tranquilidade e firmeza, Quintana, debullou as principais liñas de acción que se están a levar a cabo dende as áreas nacionalistas. Co respaldo dos seus e con aplausos moi mornos da bancada socialista, o líder do BNG fixo fincapé nas políticas sociais que buscan a "construción da Galiza do benestar". Defendeu as galescolas como ferramenta de servizo ás familias e normalización do idioma e arremeteu contra os que as atacan. No que respecta á vivenda, Quintana aproveitou para criticar os plans anunciados por Zapatero e lembrou que dende o Goberno xa hai dende 2006 un programa de axuda ao alugueiro e que se está a facer un esforzo notábel para incrementar a oferta de vivenda pública.
O I+D+i, a principal baza para a converxencia
Quintana sinalou que o Goberno xa está destinando o 1.14% do seu orzamento a fomentar a innovación. Asegurou que esta prioridade xa está a dar o seu froito, tal e como xa salientan informes europeos. O vicepresidente tamén destacou a necesidade de seguir a comprometerse coas empresas para: "crear conglomerados empresariais galegos fortes". No que respecta ao papel que está a xogar a Consellaría de Industria, fixo fincapé na potencialidade das enerxías alternativas para crear riqueza para o país.
"Sen medio rural, Galiza deixaría de ser país"
O vicepresidente mostrouse convencido de que as políticas que aplica o departamento que dirixe Suárez Canal van dar un resultados moi positivos a medio prazo: "De feito, xa se está a incorporar xente nova ao rural, algo insólito até o de agora". O Banco de Terras, que xa comeza a dar os seus primeiros pasos, é a grande esperanza nacionalista para mobilizar as terras improdutivas.
A industria cultural, un valor de futuro
No que respecta ás políticas culturais, Quintana subliñou que o Goberno está a traballar para que se cre un complexo empresarial arredor da cultura de Galiza, que ten que ser "unha bandeira deste país no mundo". Ademais, destacou as medidas tendentes a preservar o patrimonio cultural ou medidas tan importantes como a Lei do libro.