"Somos España" é lema proposto polas Nuevas Generaciones do PP. O BNG cualifica a chamada de "intolerante e excluínte".
Desde o PP animan os cidadáns a entregárense á celebración do 12 de outubro, día para o que argallaron unha campaña baixo o lema "Somos España". A idea xurdiu das mocidades do partido, Nuevas Generaciones, e propón desenvolver todo tipo de actos institucionais "en defensa de España como nación".
Os máis novos do PP presentaron a campaña á beira dos presidentes do partido en Cataluña e Euskadi, Daniel Sirera e María San Gil, chamando aos cidadáns a responderen fronte ao que cualifican de "desafío nacionalista" e "órdago independentista". Así, entre outras cousas piden a colaboración dos alcaldes para a celebración de "plenos extraordinarios recordando a importancia do Día da Hispanidade" ou a realización de "actos de izado da bandeira española".
Desde o BNG, o voceiro no Congreso, Francisco Rodríguez, criticaba este luns a iniciativa dos populares. Na opinión de Rodríguez, as mocidades do PP propoñen a defensa da expresión dunha "España imperial, excluínte e intolerante". En declaracións a Europa Press, O nacionalista opinou que o que está en entredito é o pouco poder das nacións que integran o Estado español e a pouca vitalidade das súas linguas e culturas". Segundo o deputado galego a proposta de Nuevas Generaciones "é un acto tipicamente de exasperación imperialista co que intenta sacar réditos dun conflito para exacerbar o que ten de peor o pobo español, que é a súa intolerancia".