Decididos a declarar a independencia antes de que termine o ano, os dirixentes albano-cosovares vanlles propoñer aos serbios relacións de "estados soberanos".
"Imos ser claros e decididos. Non temos máis solución que a independencia", declarou o presidente cosovar, Fatmir Sejdiu, antes de viaxar cara Nova York, onde se reúne, na sexta feira, con dirixentes serbios.
É esta a primeira xuntanza bilateral entre serbios e albano-cosovares que se fai tras a reanudación das negociacións en agosto, encabezadas polos EUA, Rusia e a UE, encamiñadas a dotar dun estatuto propio a esta provincia serbia, administrada polas Nacións Unidas. Despois de que Rusia, tradicional vella aliada de Serbia, lle impedise ao Consello de Seguridade da ONU emitir unha resolución favorábel á independencia de Cosova, baixo control internacional, na sexta feira discútese o futuro máis próximo desta rexión.
Os albano-cosovares, decididos a tomar unilateralmente a decisión final
O equipo das Nación Unidas debe acabar o seu labor a primeiros de decembro, a través dun informe do secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon, mais se daquela aínda non hai nada resolto, o primeiro ministro cosovar, Agim Ceku, afirmou que vai tomar a decisión polo seu lado, sen contar con ninguén: "o proceso de negociación pode terminar cunha declaración de independencia unilateral".
O resto dos países
Os EUA amosáronse dispostos a recoñecer a soberanía kosovar, mais no seo hai distintas posicións. Algúns países enfrontados a reivindicacións independentistas nos seus territorios como o estado español, Grecia e Chipre son reticentes á independencia de Cosova e defenden un estatuto regulado por unha resolución da ONU.
Belgrado xa propuxo unha "independencia no seo de Serbia", mais a oferta foi rexeitada polos cosovares.