Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito cos símbolos

O PPdeG teima en importar a 'guerra das bandeiras'

"Agás unha minoría moi pequena, os galegos sentímonos españois e galegos e nunca foi doutra maneira. Nosa é a bandeira galega, e nosa é a bandeira española", afirman.

Redacción - 17:33 26/09/2007
O deputado do PPdeG Enrique López Veiga

O deputado do PPdeG Enrique López Veiga

O PPdeG volveu á carga coa polémica polos símbolos nacionais. O deputado popular Enrique López Veiga afirmou este mércores no Pleno do Parlamento que "os altos cargos que promoven a retirada da bandeira española ou da galega son indignos de formar parte do Goberno de Galicia".

O ex conselleiro de Pesca defendía deste xeito unha proposición non de lei para instar á Xunta ao cumprimento da Lei de Símbolos. "Nunca se poden retirar (as bandeiras) dun acto oficial. Facelo supón un flagrante incumprimento da Lei por parte dos que teñen que velar polo respecto e o cumprimento da mesma".

Na súa intervención, citou varios exemplos deste presunto incumprimento como o acto inaugural da pista de piragüismo de Pontillón de Castro, en Pontevedra, o pasado mes de xuño. A comitiva do Consello Superior de Deportes decatouse da ausencia da bandeira española. Logo dunha discusión, en lugar de repoñer a enseña ausente, como esixe a Lei, o subdelegado do goberno español decidiu retirar tamén a bandeira galega, explicou López Veiga.

"Como é posíbel que os representantes do Goberno de Galicia que participaron no acto non estean xa fulminantemente cesados?; como non foi cesado o subdelegado do goberno por ter consentido e mesmo negociando semellante disparate?", preguntou.

"Isto con Felipe González non pasaba"

O deputado do PPdeG recordou tamén a retirada das bandeiras españolas dos actos de toma de posesión dos altos cargos do BNG, na roldas de prensa e despachos oficiais ocupados por nacionalistas ou nunha visita a Bos Aires do vicepresidente Anxo Quintana, "que ten un pasado de actos antidemocráticos de toma do poder", dixo.

López Veiga responsabilizou a Emilio Pérez Touriño desta situación pola súa "debilidade política", e que "é capaz de mobilizar á policía en defensa dun letreiro, mais non para facer cumprir a Lei de Símbolos". "Isto con Felipe González (o ex presidente do goberno español) non pasaba", sentenciou.

Por último pediulle ao presidente do Goberno que exerza como tal no seu ámbito competencial, mais que tamén lle esixa ao goberno do Estado o cumprimento da norma e faga ondear a bandeira galega e española en todos os edificios e instalacións públicas. Neste senso denunciou que o pasado domingo, a bandeira galega non ondeaba no aeroporto de Vigo, e a da UE presentaba un estado "lamentábel".

Ademais, referiuse ao trato que reciben os símbolos en países como Francia ou os Países Baixos, "terra da miña dona", nos que "non se permitirían estas cousas". No segundo destes países, "en Frisia, que tamén ten lingua, bandeira e himno propios, estas cousas non pasan, e se un representante dun goberno fixera o que teñen feito aquí algúns representantes do BNG, irían directamente ao gekkenhuize, o manicomio".


Documentos

2/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: