Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén en Cataluña e Euskadi

Ciutadans fará campaña para que a bandeira española ondee nos concellos galegos

O partido catalán Ciutadans-Partit de la Ciutadania (C's) exhorta aos particulares "a que esixan aos seus consistorios que icen a enseña española xunto coa autonómica".

Redacción - 11:50 23/08/2007
Casa do Concello de Lugo

Casa do Concello de Lugo

Ciutadans-Partit de la Ciutadania (C's) anunciou esta semana que a partir do vindeiro luns porá en marcha unha campaña para que os cidadáns esixan aos seus concellos, mediante peticións por escrito, o cumprimento da lei de símbolos par que "utilicen tanto a bandeira autonómica como a española no exterior e interior do consistorio".

A campaña, segundo informaron nun comunicado, iniciarase en Cataluña, en Euskadi e tamén en Galiza. C's ofrece datos sobre a primeira destas tres nacións, a catalá, onde segundo a formación política máis de cen concellos non cumpren a lei. Porén non dan ningunha información sobre a situación dos consistorios galegos.

"Esta é unha mobilización cidadá. Calquera persoa poderá levar a instancia ao seu concello. Cantas máis reciba un consistorio mellor. Os cidadáns poden facerse oír, tomar a iniciativa, e os partidos políticos teñen a obrigación de escoitalos e apoialos", asegura Albert Rivera, presidente de Citadans.

Denuncias do PP por un programa da TV3

Por outra banda, o PP catalán pedirá explicacións ao director da Corporació Catalá de Radio i Televisió, Joan Majó, polo capítulo dedicado a España do programa de TV3 Afers Exteriors, que considera "simplista, parcial e partidista".

O deputado do parlamento de Cataluña Santi Rodríguez asegurou que no capítulo emitido o pasado martes, o presentador do espazo, Miquel Calzada, "trata a España como un país alleo a Cataluña", "reduce a imaxe de España a Madrid" e expresa reflexións propias "do imaxinario nacionalista".

Rodríguez criticou que Calzada se defina como "un visitante estranxeiro" en Madrid, que faga apelacións ao independentismo ou que defina España "como un imperio do cal nós formaramos parte".


1,47/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: