A conselleira de Política Territorial asegura que os populares minten á desesperada para “agochar as vergoñas da Cidade da Cultura”
A polémica arredor das obras para a construción da autovía do Barbanza non para de medrar. O voceiro do PPdeG no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, quixo poñer contra as cordas este luns á conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride. Para iso, o deputado conservador sacou un ditame do Concello de Vigo que acreditaría que Caride foi compañeira de traballo do apoderado da empresa ao que se lle encargou o segundo ditame sobre a autovía do Barbanza.
Ruiz Rivas afirma que Política Territorial pediu un segundo informe para poder “teledirixir” a adxudicación das obras no Barbanza. A empresa elixida, TT&U, pertence, segundo os populares, a “coñecidos, amigos ou xefes” da conselleira, que traballara co con eles na elaboración do PXOM de Vigo.
Unha “cortina de fume” para tapar irregularidades da Cidade da Cultura?
Para o PPdeG, que chegou a pedir a dimisión da conselleira, é evidente que houbo “tratos de favor” na adxudicación da autovía. Porén, afirman que, de momento, non van acudir ao xulgado e anuncian que seguirán presionando para que se cree unha comisión parlamentaria.
Pola súa parte, a conselleira socialista volveu negar calquera irregularidade na concesión a Sacyr e retou ao PPdeG a acudir aos tribunais. Caride afirmou que os conservadores están intentando de xeito desesperado “crear unha cortina de fume para agochar as vergoñas da Cidade da Cultura”. Reiterou que se contratou a empresa por ser a que presentaba un proxecto máis completo, incluído o apartado referente á seguridade vial.