O grupo do que forma parte gañou o primeiro premio Nsaio no camiño, grazas ao que iniciará unha carreira discográfica.
O grupo compostelán-boirense Supersandwich foi o gañador do primeiro concurso musical Nsaio no camiño, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude, a Consellaría de Innovación e Industria e o Xacobeo. O certame, pensado para promocionar o mellor das novas bandas do país, ten como premio a edición dun disco, a sinatura dun contrato cunha discográfica de nivel estatal e a distribución e promoción pola Península.
Vieiros: Presentáronse confiando en gañar o concurso?
Juan Fuentes: Non contabamos con gañar. Presentámonos ao concurso como nos presentamos a outros tantos, de ver que hai unha oportunidade e tentar aproveitala. Presentamos a maqueta e usamos durante un ano os locais de ensaio. Estamos de acordo en que o mellor do proxecto é que puxesen os locais para ensaiar, ademais do premio en si, por suposto. Cando na semifinal nos dixeron que pasabamos á final xa comezamos a tomar máis en serio a posibilidade de gañar, pero tampouco o tiñamos claro. Na final quedamos moi satisfeitos co que fixemos nesa media hora, aínda que vimos que había moito nivel e que estaba complicado.
V: E xa saben cando van editar o disco?
J. F.: Aínda non coñecemos exactamente como vai ser o premio. Teremos unha reunión esta fin de semana. Até entón, sabemos o que podemos ler nas bases. O que si xa temos en conta é que imos participar nos concertos do Xacobeo.
V: Pero tiñan pensado, de todos os xeitos, facer unha gravación?
J. F.: Pensabamos gravar igual un disco, pero poñendo nós os cartos. O feito de gañar o premio é unha grande oportunidade de cubrir ese gasto e de conseguir unha promoción que doutro xeito non teriamos.
V: Hai un vídeo seu na rede, do tema Estás buenísima. Como naceu a idea de facelo?
J. F.: En realidade, este vídeo que temos na rede non partiu de nós. Fíxoo Mr. Misto como un proxecto dunhas prácticas audiovisuais. Propuxéronnolo facer, e aceptamos.