A Asociación Americana de Arbitraxe considera que Floyd Landis se dopou, mais o ciclista pode buscar unha última apelación diante da Corte Arbitral do Deporte.
Ao ciclista norteamericano Floyd Landis, que a través dun comunicado reiteraba a súa "inocencia", só lle queda a posibilidade de recorrer á Corte Arbitral do Deporte (CAS), con sede en Lausana.
"Esta decisión é un golpe para os atletas e os ciclistas de calquera lugar", di o comunicado entregado aos medios polo equipo legal de Landis. "A decisión en favor da USADA, cando esta nin sequera puido demostrar os puntos máis básicos do caso, demostra que este sistema non funciona. Son inocente, e xa o temos probado ", engade. Para os avogados de Landis esta sentenza é "unha decepción", sobre todo "porque non tiveron en conta os moitos erros do laboratorio cometidos neste falso positivo".
No caso de non saír vencedor, Landis tería que cumprir dous anos de inhabilitación e entregarlle o mailló amarelo do Tour 2006 ao galego Óscar Pereiro.
"podemos confirmar que Pereiro vai ser o gañador do Tour 2006"
Estas foron as palabras, recollidas nunha web sobre ciclismo, do presidente da Unión Ciclista Internacional (UCI), Pat McQuaid, que se apurou a confirmar a sanción de dous anos, máis o retiro do título conseguido por Landis na rolda francesa.
O director do Tour, Christian Prudhomme, tamén explicou, ao coñecer a noticia, que, segundo os regulamentos, o corredor de Mos será situado na primeira posición da edición de 2006: "agardamos moito tempo, tempo de máis. Pola nosa parte, xa dixemos dende o comezo que confiabamos no laboratorio francés de Châtenay-Malabry. Agora, está confirmado que Landis fixo trampas. Fíxoas e será sancionado", declarou Prudhomme.
Dez meses de batalla xurídica
Foron precisos 10 meses continuados de loitas nos xulgados, unha audiencia de 9 días e 4 meses de deliberacións para conseguir escribir, en 84 páxinas, a decisión do xurado.
Landis é o primeiro ciclista na longa historia do Tour de Francia que perde o seu título de gañador ao ser sinalado como culpábel de dopaxe.