Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ciclismo

Landis perde a credibilidade no xuízo por dopaxe

Aínda que o xuízo pola súa posíbel dopaxe terminaba a madrugada da cuarta feira -hora galega-, o veredicto dos tres xuíces non se coñecerá até mediado xullo, coincidindo co Tour 2007.

Redacción - 14:04 24/05/2007
Imaxe de Landis no xuízo (Reuters)

Imaxe de Landis no xuízo (Reuters)

Despois dunha semana de telenovela ciclista, terminou o xuízo a Landis, que dende o día 14 se estivo a celebrar en Malibú, nos EUA. Mais, até o vindeiro mes de xullo os tres xuíces imparciais designados pola AAA, a Axencia de Arbitraxe Norteamericana, non lerán o seu veredicto.

O xuízo celebrouse en audiencia pública, a petición do ciclista norteamericano, que pretendía, deste xeito, amosarse máis achegado ao público para limpar a súa imaxe. Mais as cousas non lle foron ben a Landis, xa que os testemuños que se oíron durante o xuízo deixaron máis que cuestionada a súa figura.

A decisión que se tome é definitiva, pero tanto a axencia anti dopaxe dos EUA, a USADA; a acusación e Floyd Landis teñen dereito a recorrela se non os satisface, ante o Tribunal Arbitral do Deporte (TAS), en Lausana.

Landis perde a súa credibilidade

Landis procurou, durante todo o xuízo, rodearse de grandes expertos a analistas dos mellores laboratorios mundiais, así como dunha eficiente equipa de avogados que fixo, durante o proceso e en palabras do ciclista "unha gran labor". Nunha loita que se deu en denominar "batalla científica", Landis tentou levar aos tres xuíces ao seu terreo, sen aforrar gota en recursos para facer comparecer como testemuñas a reputados especialistas de medio mundo, habituais, por outra parte, en todas as vistas de dopaxe contra os medios e a forma de traballar dos laboratorios acreditados pola Axencia Mundial Antidopaje (AMA).

Mais, a pesares de todos os intentos de poñer en dúbida o criterio das entides mundiais anti dopaxe que o xulgaban, Landis terminou saóndo algo escaldado da vista, tras comparecer seu compatriota, o primeiro norteamericano en gañar o Tour, Greg LeMond.

LeMond denunciou durante o xuízo ter sufrido un intento de chantaxe dende o contorno de Landis, xusto antes de testemuñar. UNha chamada dunha persoa que se identificaba como "o seu tío" lembráballe os abusos que sufrira na súa infancia, que el mesmo lle tiña revelado a Landis durante unha carreira.

LeMond acusaba da chamada a un membro da equipa de Landis, o seu amigo e avogado Bill Geoghegan, nun intento de o intimidar para que non testamuñase na súa contra.

No último día do xuízo, Landis terminou por confesar que estaba ao tanto da chamada feita por Geoghegan, ao verse acurralado polo avogado da USADA, que lle fixo lembrar que nos EUA a xente non sempre é xulgada só polo que di, senón que moitas veces tamén polo que fai.

Finalmente, a audiencia concluíu con máis preguntas no ar que respostas. De ser atopado culpábel, landis sería suspendido por dous anos e o maillot amarela pasaría ao galego Óscar Pereiro.

No Tour esquecen a Pereiro

Esta semana, o director do Tour, Christian Prudhomme, decidiu publicar o anuario da competición cun espazo en branco onde debía figurar o nome do gañador. Aínda que non está demostrada a dopaxe do norteamericano, dende o Tour preferiron obvialo e non consideralo como gañador; mais tampouco a Pereiro, que nin aparece como subcampión, que, segundo as normas de UCI, sería nomeado campión, no caso de atoparen a Landis culpábel.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: