A nova Asociación Galega de Opositores do Ensino arremete contra a Consellería de Educación polo sistema das últimas oposicións.
Sánchez Piñón organizou as oposicións máis numerosas da historia do Ensino
“Unha oposición amañada para colocar aos profesores interinos”. Esta é a denuncia da Asociación Galega de Opositores do Ensino (AGOE), unha plataforma que se presentou este martes en Ourense.
A AGOE atacou moi duramente a última selección de mestres organizada pola Consellería de Educación. Nun comunicado define o concurso como “unha burla e un menosprezo dos esforzos de moitos opositores que non se atopaban dentro dos supostos que a Consellería se empeñou en favorecer”.
100 prazas, 98 para interinos
Unha das voceiras da AGOE, Ilda Blanco, indica a Vieiros que houbo opositores que, malia sacar un 10 nas probas, non lograron praza. “Hai especialidades nas que se convocaban 40 prazas nas que só entraron interinos, e nas que había 100 prazas, só entraron unha ou dúas persoas que non eran interinos”.
Unha das estratexias da Xunta para favorecer aos interinos, di a AGOE, foi a presentación da unidade didáctica. E é que mentres que os opositores 'normais' tiñan que someterse ao tribunal, aos interinos abondáballes con presentar unha memoria de dez follas.
Os 'méritos' eran o 40% da nota
Ademais, Blanco denuncia que case todos os interinos lograron a máxima puntuación pola súa memoria. Sumando este dez aos puntos por ter dado clases antes -que representaban o 40% da nota final total- o resultado foi que algúns postos de traballo foron para “persoas tiñan suspendido, e ata sacado un cero na oposición”.
Blanco responsabiliza á Consellería de Educación desta discriminación. A voceira indica que o único que pretendía a Xunta era reducir a porcentaxe de mestres sen praza fixa, para cumprir as normas da Unión Europea.
Outras listaxes de substitución?
A AGOE xa presentou unha reclamación para que as novas listaxes de interinos se elaboren en función das notas das últimas probas. E é que interinos e substitutos que non lograron praza conservan a puntuación que tiveron en oposicións anteriores, por diante incluso dos que sacaron un 10 na última convocatoria
A Asociación, que botou a andar en Ourense pero que xa se está a organizar noutras cidades, anima a todos os afectados a contactar con eles no correo agoeigualdade_arroba_gmail.com.