Máis dun cento de iniciativas de asociacións e universidades repartiranse dous millóns de euros
A Consellería de Innovación e Industria acaba de publicar a listaxe de beneficiarios das axudas para organizar actividades de formación relacionadas coas novas tecnoloxías. Son en total 119 proxectos promovidos por “asociacións sen ánimo de lucro, organismos universitarios e entes de apoio a colectivos desfavorecidos”.
Así, por exemplo, 49 entes terán subvención para a “a instalación de aulas de formación e o seu equipamento informático”. Medio millón de euros serán destinados a este fin. Para a organización de eventos relacionados coa informática repartiranse 447.000 euros entre 24 proxectos.
A Xunta explica que “os cursos dirixidos a cidadanía (120.000 euros), os ciclos de formación para colectivos desfavorecidos (131.00 euros) e as actividades formativas para especialistas en tecnoloxías da información e da comunicación (95.000 euros) completan o listaxe dos proxectos seleccionados”.
Proxectos con máis subvención
O Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia -con 45.000 euros para un curso de especialización en xestión de redes- e a Fundación C.E.L. Iniciativas por Lugo -45.000 euros para unha sala de innovación tecnolóxica- son dúas das entidades que levarán máis cartos públicos.