A publicacion mensual editorializa sobre os cumprimentos do Goberno, a marcha de Antón Losada e a "dobre personalidade" de Zapatero.
O bipartito encara cunha bolsa de promesas incumpridas un segundo tempo político. Aquel no que ha ter que demostrar ata onde está disposto a chegar para atacar de raíz as causas que pexan máis da conta o autogoberno, a consolidación da sociedade civil e a innovación competitiva do país. Tempos Novos, que fixo unha aposta por eses tres indicadores do benestar político e social desde o seu nacemento, elaborou un monográfico valorativo no que descobre canda algúns dos seus máis cualificados colaboradores os claroscuros desta etapa de cambio.
Hai reorientación de tendencias, pero non deron consolidado iniciativas políticas que habían confirmar a dimensión transformadora do cambio. Por medo -a única razón que explica que non se atreveran cunha nova lei de Caixas- ou por pragmatismo partidario, como se veu evidenciando nos desencontros públicos que tanto deterioran a credibilidade e a eficacia do Goberno, socialistas e nacionalistas non souberon poñer en valor a converxencia das súas respectivas culturas políticas, que conxenian compromiso progresista e galeguismo. É o que explica tamén as eivas democráticas (TN, febreiro) nas que sobreviven as pantasmas máis perversas do fraguismo. Moitos retos para o que resta de lexislatura. Estaremos vixiantes.
A dimisión anunciada
Xavier Ferreira, profesor e experto en dereito administrativo, será o novo secretario xeral da Vicepresidencia, en substitución de Antonio Losada, de quen Anxo Quintana acabou prescindindo tenteando o desgaste que lle podería reportar seguir contando con el na segunda parte da lexislatura. A forte e polémica personalidade do coñecido profesor e tertuliano servíralle ao vicepresidente para romper os diques de contención que freaban fóra da casa nacionalista a aceptación e expansión do seu liderado. Despexou desa maneira as dúbidas que sobre el tiñan os poderes fácticos. O que sucedeu é que, preso da súa conflitiva personalidade, Losada menosprezou os límites que enmarcan unha cultura política que ten no servizo e non no autoritarismo o rostro máis acaído do cambio. Creou para o xefe un discurso light, oportunista e populista, desafiou con inusual prepotencia aos outros socios do executivo, e mediatizou sen complexos a acción dos medios de comunicación -a dos públicos, concordando cos socialistas un reparto de poder que acabou volvéndose contra el e contra o bipartito, e a dos privados, garantíndolles o pecunio público a cambio dun bo trato-. Castigando sen publicidade institucional a quen non entrou polo aro (esta revista, por exemplo). Derrapou ata converterse nun perigo para a cohesión interna do BNG e para a estabilidade do bipartito. O seu cese estaba cantado desde moito antes de setembro.
As dúas caras de ZP
A medida que avanza o tempo político, imos descubrindo en Zapatero unha dobre personalidade. Coa bonanza, amosa a súa condición de crente na causa federal e na España plural. Coa borrasca, como a provocada a partes iguais polo PP e polos etarras, vólvese descrido e forza escuras operacións que deixan ese discurso feito un trapo. Antes en Catalunya -fracasando pola resistencia dun PSC catalanista-, e ultimamente en Navarra -gañando a partida por mor dun PSN afásico-, o líder socialista amosou medo antropolóxico, covardía política e desdén democrático.
Unha cousa é formar parte dun proxecto político que ten na socialdemocracia unha cola cohesionadora, e outra ben distinta ter que sacrificalo todo -principios, coherencia, prestixio, confianza- a conta dunha estratexia electoral que, aínda sendo rendible para a nomenclatura do socialismo español, despreza as regras de xogo que a Constitución e os estatutos establecen para referendar a pluralidade e a diversidade territorial, e tamén a autonomía de quen deteñen en cada unha das comunidades políticas a delegación e a lexitimación para garantir a súa materialización.
Co acontecido en Navarra, os dirixentes de Ferraz non só desautorizaron á executiva rexional do PSN, que se ratificara por tres veces a prol dun goberno plural e de progreso. Tamén deslexitimaron ao grupo parlamentario, que se viu forzado a prescindir de NaBai, a coalición vasquista que renega da violencia e de ETA, para entregarlle o poder ao partido/franquicia do PP nesa comunidade. ¿Non dixera ZP que o que decidiran os socialistas navarros ía á misa? Si. E tamén que é sinal de normalidade que os nacionalistas fagan política desde as institucións.
Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)